Site icon Crónica3.com A Mariña

Conde adianta que o vindeiro ano a Xunta aprobará un plan estratéxico para o sector forestal

20171127CondeourenseOurense, 27 de novembro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, adiantou hoxe que o vindeiro ano a Xunta vai aprobar un plan estratéxico para o sector forestal. Segundo salientou, o obxectivo é identificar as oportunidades que ofrece a industria da madeira en Galicia e incrementar o seu uso en sectores como o da construción ou o deseño.

O conselleiro inaugurou esta mañá en Ourense a xornada Industria Forestal en Galicia: retos e oportunidades, onde puxo de manifesto a aposta do Goberno galego por revalorizar a cadea monte-industria. Conde referiuse ás posibilidades que ofrece o sector forestal ao redor dun recurso tan abundante en Galicia como é a madeira e a industria que se move en torno a ela; desde a primeira á segunda transformación. E asegurou que no aproveitamento dos recursos forestais está a mellor fórmula para loitar contra o abandono do monte e para facelo máis produtivo.

“Este plan estratéxico vai recoller as medidas necesarias para dar un pulo á industria forestal, mellorando a innovación tecnolóxica, a modernización da industria e as diferentes iniciativas que a poden facer competitiva desde o punto de vista de novos mercados”, subliñou Conde.

Ademais do futuro plan estratéxico, lembrou que a Xunta traballa no deseño dun Plan de formación específico para o sector forestal adaptado ás necesidades das empresas e centrado en tres ámbitos: a explotación forestal, a primeira e a segunda transformación da madeira. É indispensable, agregou, para que todas as medias de innovación tecnolóxica que precisa a industria “poidan desenvolverse co persoal cualificado”.

A través da formación, asegurou, dáse resposta aos novos perfís profesionais que demandan as empresas desta industria. Tamén ao reto de reciclar os postos laborais que se van quedando obsoletos por causa da tecnoloxía, que fai que moitos traballadores teñan que adquirir novas habilidades para realizar funcións máis especializadas. E, en definitiva —incidiu— ás necesidades dunha industria máis moderna, innovadora e dixitalizada que é cara a onde ten que dirixirse a industria forestal.

O conselleiro remarcou que os retos e oportunidades da industria forestal en Galicia son retos e oportunidades para o rural galego. E, así, subliñou que a Xunta quere canalizalos a través da Axencia Galega da Industria Forestal, que ten como cometido principal: reforzar a competitividade e a innovación nas empresas do sector forestal, e convertelo en abandeirado da aposta da Xunta pola economía verde.

A ela incorporarase o CIS Madeira, que vai ser fundamental para acompañar as necesidades do sector, especialmente no relativo á innovación e aos novos usos da madeira.

Unha normativa para impulsar o sector
A Lei de implantación empresarial vai ser o estímulo para facer crecer o sector forestal galego desde o máximo respecto ao medio ambiente. Trae consigo unha maior axilidade administrativa que, no caso desta industria, vai permitir menos tramitación á hora de autorizar as cortas. É dicir, unha xanela única para non ter que sortear as máis de 6 fases de autorización que se precisaban ata o de agora, ou para evitar que existan diferentes procedementos de corta segundo o concello onde se solicite; o que garante unha maior igualdade de oportunidade entre os produtores.

Esta normativa tamén amplía o réxime sancionador ante calquera incumprimento e nas zonas de servidume de espazos protexidos facilita a corta de árbores non autóctonas, protexendo as que son propias da nosa xeografía.

Conde indicou que a metade da madeira que se corta en España é galega, e que a cadea monte industria representa ao redor do 2% da economía da Comunidade e o 2,3% do emprego. Este dato, asegurou, dá conta de que estamos ante un recurso natural que cómpre protexer pero do que tamén cómpre impulsar a súa vertente socio-económica porque é o mellor modo de defendelo e de ofrecer calidade de vida e progreso ao rural galego, concluíu.

Exit mobile version