Baseada nunha historia real, de lectura dinámica, amosa o cambiante da vida, a delgada liña entre amor e odio.
Materializados en campaña de concienciación xorden, no noso tempo multitude de espazos libres de violencias machistas. Agora toca interiorizar a mensaxe e transformala en realidade.
E non é para menos, as estadísticas cantan: 830 vítimas mortais en 13 anos, idéntica cifra que as vítimas do terrorismo de ETA en 42 primaveras. Distintas dimensións.
E logo está todo aquelo que non é cuantificable e que non se recolle nas estadísticas: a violencia física, a psíquica, a discriminación laboral, léxica e semántica e todos aqueles matices que vostedes xa coñecen.
No vindeiro mes de decembro cumprirá tamén trece anos a actual Lei Orgánica (1/2004, de 28 de decembro), de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, tocará tamén facer valoración e botar unha ollada en perspectiva.
Os números cantan, pero como xa dixemos antes non todo pode ser medido pola frialdade numérica. ¿Que balance podemos facer?
No eido do dereito Penal existe unha reclamación permanente do endurecemento das penas, nun país cos castigos máis duros do continente e unha das taxas máis altas de criminalidade. Bastaría lembrarnos da reforma do Código Penal en xullo de 2015 para fixar a prisión permanente revisable.
Algo moi similar sucedeu coa lei contra a violencia de xénero, naceu con vocación de ser exemplarizante e rematou sendo máis problema que solución. ¿Sabe vostede que a meirande parte das denuncias instruídas, case un 70 % conclúen co desestimento ou arquivo? ¿Que nos indica esta circunstancia? Pois análises haberá para tódolos gustos, dende a ineficiencia do sistema xudicial, a parcialidade dos xuíces ata o uso fraudulento do proceso ou as denuncias falsas…
Pode miralo do dereito ou do revés, boca arriba o cara abaixo, pero unha lei que non da solución ó problema que a motiva non é máis que un trasto, lixo para recoller, unha tarefa pendente.
Si se me permite un apuntamento, agora toca reflexión. O pensamento traerá consigo pedagoxía e autocrítica, e estas dúas un marco xurídico que sexa útil. Porque moito máis difícil que castigar é educar.