Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. A Antipolítica

Un dos xornais de maior difusión no veciño país de Venezuela nominase “El Universal”, coñecido polas súas posicións críticas cos gobernos de Hugo Chávez e Nicolás Maduro rotulaba o 13 de abril de 2002, cando o golpe de estado perpetrado pola oposición venezolana parecía exitoso, o título: ¡Un paso adelante!
Hai pouco reparei nun artigo de opinión que incluía dito xornal, asinado polo xornalista Alirio Pérez, que levaba por nome “La antipolítica como método”. Esta firma facía, ó meu entender, unha definición precisa do que entendía por antipolítica:
“Unha técnica política altamente efectiva que pode acadar o control da sociedade. Nin máis nin menos.”
Do mesmo xeito recollín algunha das características que entendía que conformaban a antipolítica:
-O uso dos medios de comunicación co obxecto de crear un tema de carácter controversial que polarice a sociedade.
-O cuestionamento sistemático de todas as formas de poder político: todos os políticos son iguais.
-O mantemento dun conflito social entre pares.
-A existencia dun inimigo interno e externo ao que dominar…
E aínda seguía obnubilado por Caracas cando, como soe ser habitual no último tempo, aterrei en Madrid-Barajas, ou no aeroporto Adolfo Suárez ou como queira que hoxe se chame…
Pensei que se algún día houbo algunha dúbida, hoxe queda totalmente certificada a hexemonía da antipolítica en España. Por máis que cavilaba chegaba á conclusión de que a opinión pública estaba a falar en exceso de dereito: o último debate, o relativo á decisión do fiscal xeral do estado, José Manuel Maza, anunciando a presentación de sendas querelas por rebelión, sedición e malversación.
E xurdían voces autorizadas nas tertulias que, con argumentos máis ou menos peregrinos, viñan a profundizar na diferenza entre os tipos penais de sedición e rebelión e na proporcionalidade da calificación sobre os líderes independentistas.
Entrementres esquecíase a determinación penal da conduta dos case tres millóns de cataláns que quixeron exercer dereito de voto o 1 de outubro. ¿Habería que actuar contra eles? ¿Serían cómplices? ¿Poida que cooperadores necesarios?
Tamén pensaba nun eventual escenario onde nas eleccións autonómicas do 21 de decembro saíra reforzada a opción independentista. ¿Cal sería a seguinte medida constitucional a aplicar?
Este mesmo luns saían tamén os resultados da enquisa de Sigma Dos que manifestaba que máis do 57 % dos españois estarían a favor dun referéndum pactado, cifra que ascendería ao 75 % en territorio catalán. E concluín que en España rexe a antipolítica e que o maior éxito da mesma consiste en dividir á sociedade e desviar a súa atención a cuestións de natureza xurídica e aplicar a represión mentres os “carteiristas” seguen a facer o agosto.

Exit mobile version