“O centro de saúde de Viveiro conta con dous profesionais de pediatría. Durante o tempo no que un dos facultativos desfruta do seu período de vacacións, o outro especialista cubre o seu cupo e o do compañeiro o que vai en contra de todas as recomendacións oficiais para garantir unha atención de calidade”, denuncian.
A SOLUCIÓN DO SERGAS: MÁIS PACIENTES EN MENOS TEMPO PARA A ATENCIÓN SANITARIA.
Esta política de ausencia de contratación do SERGAS “prexudica a calidade asistencial” e fai que os poucos pediatras que hai, “procuren fuxir” da Atención Primaria ou se vaian a outras comunidades en busca dunhas condicións de traballo mellores.
A solución que aporta a Xerencia de Lugo é “forzar citas a maiores na axenda”, sendo habitual citar a catro pacientes no mesmo tempo, o que provoca “frustación no profesional pola sobrecarga asistencial que lle impide atender aos seus pacientes dedicándolle o tempo que consideran necesario para unha boa atención”.
A sensación dos profesionais cando saén do traballo é de insatisfacción laboral sendo conscientes de que as cousas se poderían facer moito mellor e que é a propia administración que o impide simplemente para aforrar sen importarlles a calidade da asistencia.
POLÍTICA HABITUAL DO SERGAS
“A ausencia de profesionais sen substituír converteuse no habitual, e a precariedade na contratación (nas poucas ocasións nas que se contrata alguén) é a norma xeral”, denuncian desde CIG-Saúde, unha situación que cualifican de “absoluta vergoña”.
O sindicato nacionalista esixe a cobertura de todas as ausencias do persoal en aras dunha atención sanitaria pública de calidade e de proximidade.