A Mariña 24-11-17. A CIG-Ensino dá os parabéns ao claustro e dirección do CEIP Pedrosa Latas de Viveiro por acoller a iniciativa de Galiza Nova de mudar o nome do colexio.
Pasaron xa moitos anos desde a aprobación da Lei da Memoria Histórica, e aínda así podemos encontrar centros con nomes que pretenden honrar e perpetuar a memoria de persoas vinculadas co franquismo, con maior ou menor implicación na ditadura. Este é o caso do centro ao que facemos mención, por iso saudamos, desde o sindicato, esta iniciativa.
Non é novo para a CIG-Ensino este problema. Xa no 2008 demandamos á Consellaría de Educación que puxese en práctica o aprobado no Parlamento Galego, unha proposición non de lei que instaba á Administración a retirar a simboloxía franquista de todos os edificios públicos e a suprimir todos os nomes que facían referencia a personaxes franquistas destes mesmos edificios. Con anterioridade, no 2007, fíxose unha campaña concreta neste sentido. Non tomou demasiado en serio, a Consellaría a súa propia norma, e tiveron que ser outros colectivos os que tomaron a iniciativa para modificar os nomes. Queda, tamén, por resolver en moitos centros o tema da simboloxía, pois algúns sectores sociais intentan non cumprir a lei argumentando a valía artística, de algúns escudos por exemplo.
A educación é un sector moi sensíbel a estes temas, da aí a importancia desta iniciativa, pois é inaceptábel e incompatíbel cos valores e obxectivos que o ensino ten, a exaltación de figuras que representan a represión e a ditadura.