O Xefe do Estado reivindicou a vía da represión e pechou a vía da negociación no seu discurso do 3-O e PP, PSOE e C´s asumiron a solución extrema-e inconstitucional-de cesar ao Govern e disolver o Parlament. Ao tempo, a apelación ao castigo penal e a priorización das solucións represivas xeraba en todo o Estado unha onda de nacionalismo español que mesmo reivindica ideas e xeitos de expresión até de agora patrimonio exclusivo da extrema dereita. Rexurde a España do “a por ellos”, que algúns acreditaban superada.
PP e C´s gañan xogando esta vía. Os laranxas albiscan a posibilidade de constituir o eixo dunha maioría unionista no Parlament e o PP gosta xogar en campos enlamados, na lóxica amigo-inimigo e na división social, ademáis de agachar a presenza abafante da corrupción (velaí ao inspector-xefe da UDEF recoñecendo a percepción por parte de Rajoy de sobresoldos en “B”) e unha desigualdade social que xa é a segunda máis importante da Europa.
Mais non se entende o papelón que está a xogar o PSOE. A afiliación elixiu Pedro Sánchez co obxectivo de construir unha nova maioría parlamentaria que desaloxase ao PP. En troques, a nova dirección socialista asumiu acriticamente unha política que nin é a súa nin é a que lle piden as súas bases electorais ( un 54% dos cidadáns fóra de Catalunya amósanse partidarios dunha solución negociada). Deste xeito, o PSOE mércalle o discurso territorial ao PP sen ningunha caste de contrapartida. De feito, voceiros autorizados do PP xa manifestaron que na comisión parlamentaria para a reforma constitucional, creada pola iniciativa socialista, estudaranse non só fórmulas para afondar na descentralización, senón a posibilidade de recentralizar, recuperando competencias como a educación. Velaí que sexa o PSOE o que xoga no campo do PP.
Malo que o PSOE non sexa quén de artellar unha maioría parlamentaria que desaloxe a un PP enchoupado na corrupción. Mais tamén que non sexa quen de artellar maiorías lexislativas para derrogar a “lei mordaza” ou reformar fondamente as contrareformas do PP no sistema educativo e no réxime local. Con só 137 deputados o PP goberna como se tivese maioría absoluta.
O tripartito dinástico amosa ideas e procedementos antigos, propios dunha democracia de baixa calidade e dunha sociedade cada vez menos inclusiva. Os problemas non se solucionarán. Perderemos prosperidade e liberdades.