Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acaba de adherirse á campaña “En negro” contra a violencia de xénero. A concellería de muller convoca unha xuntanza este venres, 3 novembro, no Concello para preparar esta cita

Burela, 2 de novembro de 2017. O Concello burelés ven de adherirse á iniciativa En negro, co obxectivo de tinguir de negro a vila, os seus escaparates, ou a roupa de traballo en sinal de dor por todas as mulleres vítimas da violencia machista. Para preparar esta campaña a Concellería de Muller convoca unha xuntanza, que terá lugar mañá venres, 3 de novembro, ás 20:30 horas no Concello.
Patricia Otero subliñou hoxe que “nos acabamos de adherir á iniciativa En negro, campaña de sensibilización que puxo en marcha o Concello de Santiago de Compostela no ano 2015 co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, campaña na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma (http://www.ennegrocontraaviolencia.gal/)”.
A edil socialista engade que “a acción consistiu e consistirá en tinguir de negro as cidades e as vilas a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte. Burela en negro, pretende vestir de loito o noso pobo, en sinal de dor por todas as mulleres que son vítimas de violencia. Porque consideramos que os establecementos comerciais e hostaleiros e as empresas, tedes o protagonismo das rúas de Burela, e sodes o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos unha Burela libre de violencia!”.
Otero engade que “esta campaña desenvolverase conxuntamente con outros 63 Concellos e 3.037 establecementos e axentes sociais baixo o lema En negro contra as violencias, co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía”.
A concelleira de Muller e Igualdade engade que “esta campaña estará aberta tanto a entidades sociais do noso concello como a comercios e hostalería que o desexen. Para participar e organizar toda esta iniciativa convocamos unha reunión informativa que terá lugar mañá, venres, ás 20:30 horas na Casa do Concello. Todas aquelas persoas ou colectivos que precisen máis información poden chamar ao seguinte número de teléfono 982 58 06 09 ou enviar un correo electrónico a cim@burela.org”.

Exit mobile version