Lugo, 22 de novembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe a necesidade de garantir a plena integración das persoas con discapacidade no uso e goce das infraestruturas e servizos turísticos, o cal reportará vantaxes económicas para o sector “e a indubidable vantaxe social de construír un mundo máis accesible, que é unha cuestión de equidade e de xustiza”.
Balseiro participou hoxe na apertura das sesións formativas organizadas por Turismo de Galicia na Delegación Territorial de Lugo, acompañado pola xefa da Área Provincial de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez. Os cursos son totalmente gratuítos e están dirixidos a empresarios turísticos e persoal de organismos, entidades de promoción turística e oficinas de turismo, entre outros.
Mañá celebrarase outra xornada, sobre “Normativa e avaliación da accesibilidade”, que ofrecerá aos participantes ferramentas para que saiban auto-diagnosticar a accesibilidade dos seus establecementos e destinos co fin de ofrecer aos turistas ou visitantes unha información obxectiva e veraz. A inscripción aínda está aberta na web:
http://www.turismo.gal/espazo-profesional/calidade-turistica/cursos-de-formacion?langId=es_ES&content=curso_0041.html