Na sesión, aprobouse o orzamento para 2018 deste organismo, que legalmente financia ao 50% Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, tal e como recollen os Estatutos do Consorcio. É un presuposto inicial de 4,9 millóns de euros, pois, unha vez que se aproben as contas provinciais e autonómicas (legalmente non se pode facer antes), este debe incrementarse en 660.000 euros (330.000 da Deputación e 330.000 da Xunta) para poder equiparar as condicións salariais dos bombeiros de Lugo ao do resto de Galicia, tal e como demandan os propios profesionais e defende a Deputación.
Campos Conde adiantou que “ao igual que xa fixemos no 2017, no orzamento da Deputación para 2018 incluiremos os 330.000 euros da Deputación. Hoxe a Xunta aseguronos a todos durante o Pleno que este ano si vai a achegar a parte que lle corresponde, cedendo, ao parecer, despois dun ano de constantes demandas e reivindicacións. Agardamos que cumpran coa palabra dada para que, dunha vez por todas, poidamos igualar os salarios dos bombeiros da provincia de Lugo”.
Para poder incrementar o presuposto en 660.000 euros, o documento recolle que este “poderá ser ampliado ao longo do 2018 polo importe das cantidades aportadas polos entes consorciados para a modificación salarial do persoal que presta servizos os parques de bombeiros dependentes deste consorcio provincial”.
Nas contas para este ano, e maiores dos 4,9 millóns e dos previstos 660.000 euros que se deberán aportar, figuran partidas doutros 312.000 euros para investimentos cos que atender ás necesidades dos parques.
Modificación dos Estatutos e negociación colectiva
Cómpre lembrar que este ano nin tan sequera se puido incrementar as nóminas destes profesionais cos fondos que sí achegou a Deputación e que, polo tanto, quedaron nos remantes do organismo provincial de 2017, polos impedimentos legais para facelo e trámites. Isto requería da modifación dos Estatutos do Consorcio, que fixan que legalmente está financiado aos 50% por Deputación de Lugo e Xunta Galicia, que non quixo achegar a súa parte. Tamén se requería da previa negociación entre as empresas concesionarias e os traballadores para a modificación dos Convenios Colectivos, na que teñen que avanzar, entre outros trámites obrigatorios segundo a normativa vixente.
Cambio de xestión no 2019
Ao respecto do cambio no modelo de xestión cara o público no 2019, a Xunta asegurou que só o aceptaría se a Deputación asume as seguintes condicións, que presentou formalmente ao Pleno: “1) que a Deputación asuma os posibles incrementos de custes calquera se fose a súa natureza que, respecto das actuais empresas adxudicatarias do servizo puideran producirse durante o proceso de cambio ou como consecuencia deste, eximindo á Xunta de Galicia de calquera pago a este respecto. 2) que a Deputación asuma calquera consecuencia xurídica así como toda indemnización económica que derive das reclamacións que puideran xurdir por parte dos actuais bombeiros dos consorcios a raíz dos procesos selectivos que fora preciso realizar para o cambio do modelo de xestión. 3) que a Deputación asuma o custo económico a maiores do actual, de producirse, que para o mantemento do servizo puidera derivarse do sistema de xestión directa, tendo en conta que a Xunta de Galicia non asumirá a diferencia entre o custo acutal do mantemento dos consorcios e o que puidera supoñer no futuro”.
Todo isto, cando a Xunta financia nun 50% os parques de bombeiros de Lugo e nun 61% os de Ourense. Se a Deputación non asume as condicións da Xunta, esta non está disposta a crear nin tan sequera un grupo de traballo no sedo do Consorcio que avance cara o cambio de xestión dos parques no 2019, que é cando rematan os contratos coas empresas concesionarias deste servizo. Este grupo de traballo foi solicitado polo Presidente da Deputación de Lugo pois, ata o de agora, só traballaron conxuntamente as Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, elaborando os informes xurídicos e económicos que avalan o cambio de xestión cara o público. É necesaria a implicacón da Xunta como responsable legal do 50% do Consorcio. Sen embargo, a administración autonómica sempre se mantivo ao marxe e a Deputación de Ourense opúxose dende o primeiro momento ao cambio do modelo actual, que é o da xestión indirecta.
Bolsa de traballo e cumprimento das empresas
A petición de Campos Conde e ante as reclamacións dos traballadores, o Consorcio Provincial de Bombeiros esixirá ás empresas adxudicatarias a convocar e crear unha bolsa de traballo pública á que recorrer no caso de necesitar persoal. Hoxe aprobaronse as condicións deste proceso. Tamén se acordou contratar a elaboración dun ditame sobre o grao de cumprimento dos pregos por parte das concesionarias.