Site icon Crónica3.com A Mariña

Accións desenvolvidas pola Liga Céltiga Galaica no marco do proxecto da Rede do Patrimonio Cultural

A Mariña 22-11-17. O 18 de novembro celebrouse o Día Internacional do Patrimonio, e os membros da Asociación Ecocultural LIGA CÉLTIGA GALAICA quixemos conmemoralo balizando áreas que consideramos en grave risco de abandono, áreas situadas na Mariña e A Terra Chá.
A LCG forma parte Rede do Patrimonio Cultural (redepatrimonio.gal), unha plataforma de recente creación, nacida para a preservación e a divulgación do patrimonio en perigo.
A citada plataforma –constituída por numerosos colectivos culturais galegos- acordou pór en marcha unha iniciativa novidosa para o Día Internacional do Patrimonio; colocar bandeirolas amarelas en todos aqueles lugares (monumentos, xacementos, restos sen catalogación…) en grave risco de desaparición, deterioración ou esquecemento.
Inzando o país de bandeiras amarelas, a RPC pretende balizar e chamar á atención sobre o noso patrimonio, tanto ás institucións como aos axentes sociais (asociacións, sindicatos, formacións políticas, etc.) e por suposto aos propios cidadáns.
Desde a Liga Céltiga Galaica consideramos que todos somos responsábeis (por desleixo ou inhibición), mais non todos somos culpábeis, pois son as institucións (locais e autonómicas fundamentalmente) quen posúen os instrumentos precisos –medios e fondos económicos- para a conservación, posta en valor e divulgación do antiquísimo e riquísimo patrimonio galego.
Mentres queden antas, arcas, pedrafitas, mámoas, citanias, círculos líticos, castros… esquecidos polas institucións, a LCG continuará a colaborar no balizamento patrimonial de Galiza, enchendo o territorio galego de bandeiras amarelas.
Algúns dos lugares sinalados nesta ocasión foron:

As Penasalvas (A Pastoriza)
Castro de Recaré (O Valadouro)
Castro de Santa Cruz (O Valadouro)
Anta do Padorno (área dos Penidos-O Valadouro)
Pedrafita das Coruxeiras (área dos Penidos-O Valadouro)
O Prado das Chantas (área dos Penidos-O Valadouro)
A Frouseira (Alfoz/Foz)

Exit mobile version