Viveiro (Lugo), 23 de novembro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda someterá a información pública na primeira quincena do mes de decembro a proposta técnica que desde a administración autonómica deseñaron para dar unha solución definitiva á problemática urbanística que afecta á empresa Vestas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Concello de Viveiro aceptou esta proposta autonómica e, polo tanto, xa é posible iniciar o procedemento administrativo que comeza con este trámite de exposición pública e que rematará coa redución extraordinaria da liña límite de edificación, de tal xeito que a factoría xa non invadirá o espazo reservado e contiguo á estrada autonómica LU-161
Balseiro lembra que a Xunta tomou a iniciativa co obxecto de desbloquear unha situación que se estaba prolongando no tempo, en vista á falta de propostas alternativa. A solución contribúe a garantir a continuidade e futuro dunha das empresas máis importantes da zona, tanto polo número de empregos que xera como pola actividade económica a ela aparellada.