Lugo, 13 de novembro de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentaron hoxe en Lugo a campaña institucional para o Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se celebra o próximo 25 de novembro, así como as actividades que se desenvolverán proximamente en 23 concellos da provincia.
A secretaria xeral incidiu en que este ano, por vez primeira, a Administración autonómica facilitará aos 313 concellos de Galicia carteis personalizados que poderán descargar a través da web www.xunta25denovembro.com.
Nesta edición, o lema da campaña será “O máis grande de Galicia non se maltrata”, seguindo na mesma liña da campaña que se puxo en marcha o pasado 8 de marzo, con motivo do Día internacional da muller.
Distribuiranse 35.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia, tanto en locais comerciais, de hostalería, edificios e centros públicos, concellos, centros de saúde, xulgados e centros educativos. Ademais, desde o próximo 15 de novembro, tamén se desenvolverán accións en prensa, radio, televisión e redes sociais.
A campaña rematará o próximo 26 de novembro, data na que terá lugar en Santiago de Compostela a quinta edición da andaina “Camiño ao respecto”, que percorrerá o treito que une o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro.
Por outra banda, a Secretaría Xeral da Igualdade ofertou diversas actividades aos concellos adheridos á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero. Na provincia de Lugo serán 23 os concellos beneficiarios desta programación que se desenvolverá a finais deste ano e principios de 2018.
Programación na provincia
Os concellos de Monforte de Lemos, O Páramo, Samos, Ribadeo e Burela disporán de obradoiros educativos sobre “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, dirixidos a nenos, nenas e adolescentes e centrados no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sexting….
Nos concellos de Chantada, Rábade e Barreiros organizaranse accións de prevención de situacións de violencia de xénero: cursos de defensa persoal e autocapacidades, e de adestramento físico e psíquico para crear protocolos de actuación cara diversas situacións, impartido por monitores e monitoras especialistas en defensa persoal e integrantes da Federación Galega de Loita.
Sarria, Láncara e Palas de Rei recibirán o espectáculo lúdico-musical e padagóxico I´ll be Watching You”II (“Hei estar vixiándote II”), que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa.
As exposicións “Á Violencia de Xénero… Dille NON!” e “Cartas de amor” visitarán os municipios de Pantón, Vilalba, Quiroga, Xove, A Lourenzá, Bóveda e Cervo. A primeira é unha mostra gráfica ilustrada dirixida a axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas, nocivas nas súas relacións. A segunda recolle ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade, acompañada dun obradoiro práctico explicativo da mostra.
Paradela e Ourol acollerán o programa de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que sufriran de maneira directa ou indirecta violencia de xénero, así como charlas informativas sobre a violencia de xénero a cargo de persoal do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero.
Na mesma liña, Mondoñedo e Sober acollerán charlas informativas sobre a trata de seres humanos, preferentemente mulleres e nenas con fins de explotación sexual, a cargo de persoal especializado na a atención ás vítimas deste delito.
Por último, o día 28 de novembro o Campus de Lugo acollerá unha xornada de prevención e sensibilización da violencia sexual na mocidade. Terá lugar na Facultade de Formación para o Profesorado de 10:00 horas a 14:00 horas.