Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta mellora as conexións de transporte público por autocar dos concellos da Mariña lucense co Hospital da Costa

Lugo, 2 de novembro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda impulsa modificacións puntuais nas liñas e horarios do plan de transporte público por autocar para mellorar as conexións dos concellos da Mariña lucense co Hospital da Costa.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, quen indicou que as novidades están pensadas en beneficio daquelas persoas que teñen que acudir ás consultas dos especialistas ou a realizar probas médicas no centro hospitalario mariñán.

Ampliación de ruta para dar servizo ao Vicedo-Hospital da Costa
De feito unha das principais novidades é a extensión da liña Ferrol-Viveiro ata Burela, o que beneficiará especialmente á veciñanza do municipio do Vicedo, que ata o de agora non dispoñía de ruta directa por autocar co Hospital da Costa.

A Xunta faise eco dunha demanda promovida polo Concello do Vicedo que deste xeito suma seis novas expedicións: dous idas e dous regresos diarios de luns a venres, e unha expedición de ida e volta nas fins de semana.

Hai paradas previstas no Vicedo-Colexio, Moreiras, San Román, Fulgueiro, Escourido, Sirenas e de aí continuará por Viveiro, Xove e Cervo ata chegar ata o Hospital da Costa en Burela

Cambios de horarios
A Xunta tamén vén de autorizar cambios nos horarios de conexión da liña que une Lugo con Viveiro, de tal xeito que as paradas previstas en Mondoñedo (Os Remedios e estación de autobuses), en Lourenzá e en Barreiros adiántase para facelo compatible tamén co horarios de consultas e probas do Hospital da Costa.

Esta demanda, liderada polo Concello de Mondoñedo, incluirá tamén catro expedicións diarias, de luns a venres (con ida e volta) e dúas nos fins de semana (ida e regreso)

Dáse a circunstancia que os novos horarios facilitan tamén o desprazamento desde Burela e outros puntos da comarca aos alumnos que cursan estudos de formación profesional no IES de Mondoñedo, pois se compatibiliza co horario de entrada do centro.

“Trátase de coordinar horarios e paradas, aproveitando a experiencia acumulada nestes meses de servizo, como oportunidade para mellorar a mobilidade en toda a comarca. Os cambios que introducimos están pensados especialmente para as localidades do rural que están máis dispersas e así prestar a máxima cobertura territorial”

Exit mobile version