Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta distribúe 428 contedores de envases e papel-cartón en 25 Concellos lucenses para incrementar as taxas de reciclaxe

Lugo, 2 de novembro de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio distribuirá 428 contedores de envases (amarelo) e papel-cartón (azul) entre 25 concellos lucenses co fin de incrementar as súas taxas de reciclaxe.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a iniciativa supón un investimento de 113.980 euros. Conforme ás solicitudes dos concellos, a gran maioría dos novos contedores -335 en concreto- destinaranse á recollida de envases lixeiros -plásticos, latas, brics…-, e os outros 93 para papel e cartón (achégase táboa informativa).

Este reparto de contedores ven acompañado doutras medidas que pon en marcha a Consellería para incrementar as taxas de reciclaxe na provincia.

Así, dende mañá venres e ata o día 8 de novembro permanecerá en Vilalba o punto de información da campaña O que se enchufa, recíclase, un proxecto no que se invisten preto de 700.000 euros e que permite desenvolver accións formativas nas localidades galegas de máis de 4.000 habitantes.

A campaña pretende sensibilizar sobre a necesidade de reciclar os aparellos electrónicos e achega información útil, como os puntos de reciclaxe que existen en cada localidade. En Vilalba hai tres establecementos adheridos, segundo se pode consultar na web www.oqueseenchufareciclase.gal; a información tamén está nas redes sociais, a través de facebook.com/RAEEGALICIA e twitter.com/RAEE_GAL.

Esta iniciativa xa visitou a capital lucense e percorrerá, nas vindeiras semanas, outras sete localidades da provincia.

Do mesmo xeito, a Consellería desenvolverá en colaboración con Ecoembes o proxecto Horeca, para fomentar que os negocios de hostalería, restauración e catering realicen unha separación de envases en orixe.

Mediante esta iniciativa, os empresarios que voluntariamente se adhiran ao proxecto recibirán formación para a correcta separación de envases en orixe e se lles dotará cos cubos necesarios, ao tempo que se lles fará entrega do distintivo de Ecohosteleiro. O importe desta actuación é de 250.000 euros.

Outras das accións que se promoverá é unha campaña para o fomento da reciclaxe en feiras, feiróns e eventos gastroculturales, que xa está adxudicada por un importe de 300.000 euros e que se prolongará ata o próximo ano. O principal obxectivo desta acción é realizar un labor de concienciación e información para fomentar entre a cidadanía unha correcta reciclaxe dos envases.

José Manuel Balseiro subliñou que a Xunta está a realizar un importante esforzo de cara a promover a economía circular, “traducindo a feitos concretos o Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022”, que establece as bases para impulsar o tratamento de residuos domésticos cara a un escenario máis sostible, e traballando na futura Estratexia galega de Economía Circular “mediante a cal preténdese abandonar o caduco sistema lineal de fabricar-usar-tirar por un sistema que permita o máximo aproveitamento dos produtos”, afirmou.

Exit mobile version