Viveiro (Lugo), 14 de novembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha reunión cos portavoces municipais do Concello de Viveiro e representantes da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane), co obxecto de avaliar a proposta de traslado das actuais instalacións da Escola Oficial de idiomas e que a totalidade do edificio poida ser empregado para crear unha residencia para persoas con diversidade intelectual
Balseiro lembrou que o actual emprazamento da Escola Oficial de Idiomas, en Celeiro, correspóndese cun convenio asinado entre a Consellería de Educación e o Concello de Viveiro que mantén a súa vixencia ata o ano 2075. Con todo, avanzou a máxima colaboración da Xunta para estudar posibles alternativas que non impliquen a perda,para Viveiro, dun servizo educativo de carácter comarcal do que fan uso neste curso máis da 250 persoas.
A Xunta está aberta á estudar as propostas que desde o Concello se formulen sobre outros edificios de titularidade municipal que poidan albergar as instalacións da Escola oficial de idiomas e, no caso de ser preciso, determinar a remodelación que sexa precisa para que non perda en espazos, nin calidade educativa. A súa vez, a Xunta comprometeuse a avaliar o seu inventario de bens por si algún espazo de titularidade autonómica ten capacidade para acoller á Escola.
Balseiro dixo que a Xunta “estará presente na procura dunha solución satisfactoria para todas as partes” e, ao mesmo tempo considera que a Deputación de Lugo debería tamén sumarse e colaborar para levar adiante estes proxectos.