Burela 23-11-17. A Fundación Imdecum abriu esta semana, por sétimo ano consecutivo, o prazo do concurso do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña, destinado o estudantado de Secundaria da bisbarra.
Ata o 30 de decembro o alumnado mariñán poderá presentar as súas visións da Mariña nas categorías de fotografía e vídeo. A edición de 2017 da cita estará aberta para os centros que xa participaron en anos anteriores: Monte Castelo e Perdouro (Burela), Marqués de Sargadelos (San Cibrao), Vilar Ponte (Viveiro), Dionisio Gamallo (Ribadeo), María Sarmiento (Viveiro), Illa de Sarón (Xove), Alfoz-O Valadouro e Foz. Coa chegada de 2017, a Fundación Imdecum fará público o nome dos gañadores, que recibirán unha cámara fotográfica como premio, na exposición dos traballos seleccionados.
A iniciativa conta co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Torre do Mariscal, gañadora en 2016
O galardón de Fotografía de 2016 foi parar ao IES Alfoz-O Valadouro, para unha imaxe de Pablo Goás, de 3º da ESO, cunha orixinal perspectiva da Torre do Mariscal Pardo de Cela, de Alfoz. O xurado, composto polo artista viveirense David Catá e o fotógrafo burelao Héctor Manasé, tamén quixo destacar como finalistas os traballos de dúas alumnas de 4º da ESO: Lucía Carreiras, do Valadouro, co sol como protagonista, e de Andrea Rivas, do IES Perdouro, cunha imaxe ‘diferente’ do porto de Burela.