Compostela 14-11-17. A Confederación ANPAS GALEGAS manifesta o seu total apoio á xornada de mobilizacións que se realizará o próximo 16 de novembro no Ensino medio e universitario galego.
Valoramos moi positivamente a implicación da nosa xuventude na demanda dun Ensino de calidade, actualmente comprometido por unha absoluta parálise de todo o que ten que ver co desenvolvemento da LOMCE, Lei que está absolutamente rexeitada pola cidadanía galega e que manteñen falsamente en vigor coa escusa de tramitar un “pacto para a educación” que xa leva acumulado un retraso de máis do duplo do tempo no que se prometeu que vería a luz.
Entendemos tamén que a demanda dunha Lei Galega de Educación, tal e como é obxectivo desta convocatoria de folga, está totalmente compartida por esta Confederación, que de sempre defendeu que o Ensino Público Galego debería ter un corpus normativo propio e adaptado á nosa realidade social e cultural.
Por todo o anterior, animamos á participación, e á mobilización o próximo 16 de novembro.