García Porto subliñou que “somos conscientes da importancia da investigación histórica, por iso colaboramos con esta actividade que nos axuda a coñecer mellor a nosa cidade romana, e as singularidades da nosa provincia. Ademais, facemos diferentes colaboracións como as escavacións máis recentes no Castro do Castañoso, na Fonsagrada, ou a do Castro de Arxeriz, na Ribeira Sacra. Colaboramos tamén con distintos certámenes e simposios e, como non podía ser doutro xeito, a través da estreita relación coa USC, e máis singularmente co Campus Terra, nace esta aportación que facemos para o desenvolvemento deste coloquio, ao mesmo tempo que serve tamén de atractivo para todas aquelas persoas que dende calquera enclave do mundo se achegarán durante uns días á cidade de Lugo, conseguindo con isto que sexa un referente no mapa da historia romana”.
Trátase dun proxecto no que participaron historiadores, filólogos, epigrafistas, arqueólogos e técnicos, é dicir, un proxecto multidisciplinar. En definitiva, un total de 25 investigadores procedentes de 18 universidades de España, Francia, Inglaterra, Italia e Portugal. O obxectivo é analizar as dúas cidades de Callaecia, Lucus e Bracara Augusta, o impacto que estas cidades tiveron sobre o territorio, así como outros aspectos da sociedade e da economía.
Proxecto de investigación
Con este coloquio ponse fin ao Proxecto de Investigación de Excelencia do MINECO As fundacións urbanas de Callaecia e a creación dun novo espazo administrativo. Nel pretendese presentar os resultados obtidos ao longo do mesmo, do 2015 ao 2017, pero será tamén a ocasión de ampliar algunhas das cuestións estudadas a través desta reunión científica internacional. Para iso, propuxéronse a 25 investigadores procedentes de 18 universidades de España, Francia, Inglaterra, Italia e Portugal que presentan as súas achegas sobre o que considera un aspecto clave do Proxecto, a “construción” do imperio durante os xulio-claudios (finais do século I a.C. e primeira metade do Século I d.C.), con especial incidencia nos cambios das sociedades indíxenas.