Alfoz 10-10-17. Coa intención de adquirir personalidade xurídica de cara á súa presentación en vindeiras convocatorias electorais, os integrantes da agrupación de Veciños Independentes de Alfoz reuníronse a pasada noite deste luns 9 de outubro para dar inicio aos trámites de inscrición de VIA no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio del Interior. Así mesmo, aprobaron a acta fundacional do partido e os estatutos que o rexerán, elixindo ademais os integrantes dos órganos directivos provisionais.
Segundo se indica nos estatutos existirá unha Dirección Executiva constituída por un mínimo de 5 membros e formarán parte do mesmo os concelleiros con cargo en vigor e un número de membros elixidos pola Asemblea Xeral, que como mínimo será superior en un ao número de concelleiros. Ata a celebración da primeira Asemblea Xeral, na que se elixirá á primeira Dirección Executiva electa e que deberá celebrarse no prazo máximo de seis meses desde a constitución do partido, existirá unha Dirección Executiva Constitutiva como órgano directivo provisional. Durante a reunión foron elixidos os seus integrantes que estarán representados por Efigenia Maseda Paz como Presidenta, Francisco José Fernández Fraga como Vicepresidente, Pablo Maseda Rubal como Tesoureiro e Jordi Melián Pagés como secretario. Como vocais foron elixidos José Luís Cascudo Cascudo e os actuais concelleiros Carmen Geada Maseda e Xabier Pardiñas Suárez.
Desde a agrupación indican que Veciños Independentes de Alfoz nace como partido “coa pretensión de ser un referente no goberno do concello, promovendo a participación activa da xente de Alfoz na vida pública municipal e considerando que a creación desta organización permitirá á veciñanza de Alfoz ter unha alternativa na que confiar”.