Site icon Crónica3.com A Mariña

Roteiro e conferencia A Pomba do Arco sobre os muiños de auga do Río Centiño

Foz 15-10-17. A Asociación Socio Cultural “A Pomba do Arco” organiza o sábado 21 de Outubro en horario de tarde un roteiro polo “muíños do río Centiño”, no seu tramo desde Porto até a ponte de Vilaxoane, seguindo como fío condutor da visita a historia, a etnografía, o patrimonio artístico e os valores paisaxísticos. O percorrido polos muíños do río Centiño vai comprender a visita ao muíño de Longarela en Porto , ao río de Sidro, ao muíño de Mariña en Vilaxoane e ao muíño de Amadora na ponte de Vilaxoane. A visita que se desenvolverá polas beiras do río Centiño, comprenderá tamén unha demostración do funcionamento destes muíños, concretamente no muíño de Longarela, onde a xente máis nova poderá comprobar como traballaban estas instalacións.
O xoves 19 de Outubro ás 20•30, como actividade previa a este roteiro, A Pomba do Arco organiza unha conferencia no salón de actos do Cenima a cargo de Silvia Fiallega Lorenzo, a persoa que guiará o roteiro e que ten investigado desde fai anos os muiños nas beiras do Río Centiño. Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, centrada profesionalmente no ámbito museístico, actualmente é traballadora Rede Museística Provincial, dependente da deputación provincial de Lugo, desempeñando o seu labor profesional no Museo de Tor en Monforte de Lemos. É autora de diversos traballos de investigación, algúns deles publicados en revistas como o Boletín do Museo Provincial de Lugo, a Revista Croa ou na Revista Digital del Comité Español de ICOM (International Council of Museums – UNESCO).
Silvia Fiallega Lorenzo coordinou canda Carme Paleo un proxecto colectivo promovido polo IES e o concello de Foz, que mereceu o premio Antón Fraguas do Museo do Pobo Galego en 2004, sobre os muíños nas beiras do río Centiño. Segundo sinala Silvia Fiallega “Cabozos, muíños, fornos, etc., son algo máis ca restos físicos dun pasado esquecido, son testemuñas silenciosas, e silenciadas, da nosa historia, dun modo de vida que aínda moitos recordan. Trátase precisamente diso, de lembrar. E desta volta trataremos de recuperar a memoria do noso rural a través dun repaso polos muíños de auga do concello, concentrados na súa maioría no curso do Centiño, sobre todo nas parroquias de San Martiño e Santa Cilla, onde fai máis de medio século contabilízaríanse case uns 30 muíños”.
A Pomba do Arco pretende con estas actividades poñer en valor o noso patrimonio, tanto o material como o inmaterial. Os obxectos sen memoria están destinados a morrer, e por iso mesmo é tan necesario asumir que a súa conservación é responsabilidade de todos, revivindo a súa historia a través das lembranzas e do saber da xente. Xa por ultimo sinal que as persoas interesadas en participar desta actividade, deberá inscribise previamente no correo electrónico da propia asociación, apombadoarco@gmail.com, ou ben chamando ao telefone 608-555-010. O número de prazas para a visita, que se realizara en horario de tarde, é limitado polo que pregamos que aquelas persoas interesadas se anoten antes do Xoves 21.

Exit mobile version