Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas tildan de “decepcionantes” e “continuístas” os orzamentos de pesca, “que só apostan pola acuicultura”

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 17. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, cualificou hoxe de “decepcionantes” e “continuístas” os orzamentos da Consellería de Pesca para o ano 2018, presentados hoxe en Comisión parlamentaria. A responsable socialista criticou unhas previsións “unicamente preocupadas de apostar pola acuicultura” mentres “reducen as principais liñas de actuación”.

A responsable socialista criticou que as partidas orzamentarias fixadas nas contas desta Consellería “desmenten os obxectivos que eles mesmos fixan na Memoria de Orzamentos”. Criticou que reserven o 40 por cento dos orzamentos da Consellería para acuicultura, que pasan de 16 a 17,8 millóns de euros, mentres limitan tódalas demais actuacións.

Apuntou así a redución xeneralizada nas partidas para capturas, saúde e seguridade, formación de menores desempregados, as axudas para xóvenes pescadores, e fan desaparecer o seguro de mal tempo, que “pasa de 200.000 euros a cero”, mentres si que reservan 360.000 euros de seguros para poboacións acuícolas.

Dixo que “o sector non se atopa reflexado nestes investimentos”, que reducen as partidas para eficiencia enerxética de 1,3 millóns a 248.000 euros, as axudas para xóvenes desempregados pasan de 500.000 a 315.000 euros, e a formación para menores de 30 anso redúcese á metade, de 800.000 a 435.000 euros.

Tamén fan desaparecer as partidas de investigación para unidades de pesca ou para investigación nas universidades públicas ao tempo que o plan galego de I+D+i rexistra unha execución de apenas o 29 por cento, mentres limitan as partidas de investimentos a bordo e eficiencia enerxética.

Acusou á conselleira de Pesca de lanzar “unha mensaxe perigosa” ás persoas que viven do mar, ás que sinalan que “deixen de ir ao mar, deixen de erguerse ás dúas ou tres da mañá, de estar horas co lombo dobrado mariscando porque aí non van atopar axudas da Consellería do Mar, e monten unha piscifactoría, porque terán todo o apoio do goberno”.

Infraestruturas pesqueiras

Toja sinalou que a Consellería destina “exactamente a mesma cantidade que o ano pasado” ao programa de infraestruturas pesqueiras, pero alertou de que a falla de tres meses de que remate o ano, e un mes antes do peche do exercicio contable, tan só executaron o 3 por cento do orzamentado.

Resumiu que “marcan uns obxectivos, opero non dotan as partidas orzamentarias necesarias para conseguilos e seguen cometendo erros do ano anterior, sen ambición algunha”.

Exit mobile version