Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Foz alertan do afán recaudatorio do catastrazo

Foz 16-10-2017.- Malas novas para os focenses. Fai uns días se coñecía que, en breves, se vai iniciar o cobro da contribución a todos aqueles ben descubertos coa regularización catastral.
Moitos veciños pensaban que cos 60 euros que lles cobraron xa estaba regularizada a súa situación catastral e non se imaxinaban que era o primeiro paso para cobrar con carácter retroactivo catro anos a todos aqueles galiñeiros, alpendres que non estaban declarados, así como todas aquelas ampliacións, rehabilitacións ou reformas sen declarar.
Segundo as informacións en Foz descubríronse 406 inmobles novos sen declarar, a maioría galiñeiros ou alpendres para gardar os apeiros de labranza así como 1829 propiedades en situación irregular.
O PSOE de Foz tiña serias dúbidas de si Facenda cobraría con carácter retroactivo os últimos catro anos ou non, dúbidas que foron resoltas polo Alcalde ao contestar a unha pregunta do voceiro socialista Chema Linares afirmando o cobro dos últimos catro anos.
Unha vez mais asistimos ao afán recadador do Alcalde de Foz, que non conforme con subir a contribución nos últimos catro anos agora deléitanos con dito anuncio.
O grupo municipal socialista pediu en numerosas ocasións, tanto en sesión plenaria como a través medios de comunicación, ao Alcalde que considerase e fixese todo o posible para que o cobro destas regularizacións non abarcase os últimos catro anos e se empezase a cobrar a partir do momento da regularización. Reivindicacións que, unha vez mais, caeron en saco roto, co agravante de que, a reclamación retroactiva do imposto, abarca dende o 2013 ao 2017, anos nos que o Alcalde aplicou unha subida inxusta e desproporcional dun 12% anual e acumulativo que tamén vai ter incidencia neses inmobles.
Preguntou tamén, o voceiro socialista Chema Linares, sobre cando se ía proceder á devolución do cobrado indebidamente a todos os veciños e veciñas de Foz no recibo da contribución do 2014, afirmando o alcalde que se faría descontándoo no recibo que pasa a cobro a Deputación, exactamente a mesma afirmación que fixo xa fai un ano e no recibo actual non houbo ningún desconto. Considerando que o imposto cobrado de mais esta a punto de prescribir, no PSOE temémonos que, moi posiblemente, os veciños e veciñas que non haxan solicitado por escrito a devolución van a quedar sen percibir cantidade algunha.
Por todo isto dende o PSOE volvemos pedir publicamente, unha vez mais ao Alcalde de Foz que medie para que non se cobren as regularizacións de forma retroactiva senón a partires do momento no que se regularizaron e, por outra parte, que se devolva o cobrado de mais no recibo da contribución do 2014 antes de que prescriba o prazo para facelo.

Exit mobile version