Foz a 13-10-2017 Unha vez mais vemos como o PP de Foz e o Alcalde Castiñeira son incapaces de defender aos veciños e veciñas de Foz – así de tallante maniféstase o PSOE de Foz- non o fixo cando se perdeu unha ambulancia en Foz, nin cando, no centro de saúde, eliminaron o servizo de urxencias de pola tarde, nin cando se trasladaban a pleno as queixas dos profesionais sanitarios por non cubrirse baixas nin vacacións, tendo que cubrir nos seus turnos os cupos de outros facultativos e persoal de enfermería cos conseguintes prexuízos para os pacientes, nin cando se denunciaba a falta de vacinas para o neumococo ou cando se protestaba polo peche de plantas no hospital e polo tanto de camas a disposición dos enfermos, verán tras verán, precisamente cando se multiplica por tres ou mais a poboación residente en Foz e na comarca.
Para o PSOE de Foz a reforma da Lei de Saúde supón un paso mais cara ao desmantelamento da sanidade pública en Galicia como se esta facendo no resto do Estado. Estamos asistindo a unha privatización silenciosa da sanidade pública. O negocio dos hospitais privados non deixou de medrar dende que o PP goberna en Madrid e o Sr. Feijóo en Galicia. No ano 2016 o sector sanitario privado obtivo preto dun 4% mais de ganancias que o ano anterior e este ano 2017 seguen no camiño de alcanzar un 4% mais de beneficios que en 2016. Este crecemento é debido ao incremento de pacientes derivados da sanidade pública á privada. Cinco grandes grupos sanitarios se reparten o pastel da sanidade privada en España, e nos que mais dun terzo dos seus ingresos proveñen dos concertos coa sanidade pública, xestionando varios hospitais públicos de España coa conivencia dos gobernos liberais do PP. E non so cobran por prestar servizos derivados da sanidade pública senón que teñen o que podería chamar, peaxe encuberto, é dicir, que cobran unha cantidade fixa por persoa dependente dos hospitais que xestionan e outra adicional por aqueles pacientes que sen pertencer ao seu cupo de pacientes son trasladados a ditos centros e xa coñecemos que á sanidade publica non para de derivar pacientes a estes hospitais privatizados. Ademais, dáse o paradoxo, de que o servizo que da e distribúe as citas esta tamén privatizado e ben aleccionado, xa que advirte aos pacientes de que si non acoden a esas citas na privada as súas intervencións ou consultas serán retrasadas ou os colocará no final das listas de agarda.
E namentres pasa isto, asistimos a recortes nos orzamentos para a sanidade pública, peches de camas e plantas nos hospitais públicos ou a unha flagrante diminución do persoal sanitario nos centros públicos e un empeoramento substancial das súas condicións laborais, con contratos para substitucións por días ou incluso por horas.
En Galicia, da man de Feijóo na Xunta de Galicia, séguese ao dedillo ese modelo sanitario. Xa no 2015 a Asociación pola defensa da sanidade pública galega cualificaba de “dramática” a situación da nosa sanidade pública. Reducíronse os orzamentos sanitarios en mais dun 18%, elimináronse camas hospitalarias, privatizouse o Hospital Central de Galicia, entregouse a mans privadas o control da tecnoloxía hospitalaria, aumentaron as derivacións ás clínicas privadas, privatizouse a investigación, privatizáronse as ambulancias, a historia clínica, o teléfono de cita previa, a loxística, o mantemento dos equipos sanitarios, a xestión da limpeza e enerxía, o servizo de catering, os servizos de protección radiolóxica, a esterilización do instrumental médico e cirúrxico, os centros de saúde móbiles, a tele-asistencia…
Con esta reforma, que quere impor o PP na Xunta, a xestión e os recursos pasan a depender exclusivamente de Lugo e a atención sanitaria non se fará en función das necesidades reais dos centros sanitarios nin da poboación senón, en función dos recursos económicos que o goberno do PP na Xunta poña na sanidade galega.
Escoitamos de boca dos dirixentes do PP, entre os que se atopa o alcalde de Foz, dicir que non vai pasar nada que todo segue igual e poñen como proba a ampliación do Hospital da Costa. Pero, si se modifica a Área Sanitaria, non cabe dúbida de que os servizos vanse ver alterados e a súa calidade mermada. Sobre o papel todo é moi bonito pero a realidade di todo o contrario. Todos temos ou coñecemos doentes que foron derivados ás clínicas privadas en Lugo. Recentemente o sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, da capital, acometeu unha importante reforma que da a entender que, xa sabía con antelación, o que ía pasar.
Por poñer uns exemplos, a implantación de marcapasos e incluso cambio de pilas dos mesmos se deriva a Lugo, os partos de prematuros ou partos múltiples se derivan a Lugo habendo unidade de prematuros no Hospital da Costa, a maioría das operacións de cataratas en Lugo, as de hernias en Lugo, as cirurxías programadas de traumatoloxía en Lugo… o que supón un gasto para os familiares destes doentes que para poder acompañalos e atendelos se ven obrigados a aloxarse e comer na capital.
Non é certo que a ampliación do Hospital da Costa vaia supoñer un aumento de servizos como quere facernos ver o partido popular e o alcalde de Foz. Non se vai a contratar a mais persoal e o aumento do número de camas é insignificante á vez que o primordial parece ser un aparcadoiro de pago… como non!!!
O PSOE esta seguro de que a solución para a sanidade da nosa comarca, non é que veñan especialistas unhas horas cada tantos días a Burela, nin trasladar aos enfermos a Lugo. Os socialistas non queremos centralismos, senón a plena autonomía de recursos e de xestión de servizos na Área Sanitaria da Mariña. Polo que, demandamos un gran pacto autonómico pola sanidade que escoite aos axentes sociais e os profesionais do sector, e que conte coas súas opinións, xa que son os mellores coñecedores de como funciona realmente a sanidade.
Non podemos perder esta batalla, unha batalla entre a sanidade pública e a privada, a batalla da privatización e a venta dun sistema sanitario público que entre todos construímos durante moitos anos. O PSOE de Foz fai un chamamento a todos os mariñans para que loiten en defensa da súa sanidade pública, que loiten pola súa calidade e cercanía defendendo a Área Sanitaria da Mariña. Se non se fai agora, cando nos deamos conta, será tarde.