Viveiro 9-10-17. Esta pasada fin de semana celebrouse nas Pontes a 28ª edición das Xornadas Apícolas do Eume, un recoñecido evento que finalizou coa tradicional entrega de premios da Cata de Meles. Desta volta o primeiro premio para os meles claros foi colleitado por César Castro e o segundo premio desta mesma categoría recaeu en Loli Lage, unha das produtoras máis laureadas na historia deste certame con cinco galardóns acumulados en só tres anos de participación.
César Castro resultou gañador por un mel monofloral de eucalipto apañado en Area (Viveiro), unha recompensa que dá azos para continuar sacando adiante un produto de calidade a pesar da ameaza da avéspora velutina e a importante seca estival que se padeceu este ano. Castro é o herdeiro dunha longa tradición entre colmeas e abellas moi arraigada na súa familia. Recolleu o premio xunto ao seu fillo Ángel, que con sete anos de idade amosa un coñecemento da apicultura abraiante para un pícaro do seu tempo.
Por outra banda, Loli Lage quedou como finalista cun mel monofloral de eucalipto recolleito na parroquia viveirense de Galdo. O produto de Loli é comercializado baixo o selo “O Castelo”, co que xa no 2015 logrou o segundo premio ao mellor mel claro e mais unha mención especial polo de breixo. Así mesmo, no 2016 conseguiu ser a gañadora tanto na categoría de mel claro como na de mel escuro, sendo esta a primeira vez na que unha mesma persoa acumulaba os dous máximos galardóns da cata.
Ademais das colmeas situadas en Galdo, a marca de mel “O Castelo” ten a meirande parte da súa produción no lugar do Viveiró (Muras), onde desde o Goberno municipal se está a promover con grande éxito o “mel da montaña” nunha aposta pola comercialización deste produto autóctono saudable e de calidade. Actualmente o concello de Muras conta con 25 explotacións apícolas dadas de alta que obteñen un mel monofloral de breixo moi apreciado entre os consumidores deste prestixioso ouro doce.