Site icon Crónica3.com A Mariña

O custe dos locais habilitados no centro de artesanía de Sargadelos rondará os 200 euros anuais

111017 pregos Centro de ArtesaníaCervo, 11 de outubro.- O Concello de Cervo xa remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia a documentación precisa para que informen da idoneidade ou non do uso para o que se prevé destinar o antigo edificio das Cabalerizas ubicado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos “recentemente reformado e acondicionado para a creación dun Centro de Artesanía”, tal e como apuntou o rexedor, Alfonso Villares.
O alcalde sinalou que “a nosa intención é que as instalacións alberguen diferentes obradoiros de artesanía ou venda ao público daquelas persoas que se adiquen á artesanía que cumpran, loxicamente, coas esixencias que marca a lei nesta materia á hora de exercer estas actividades”.
Unha vez informen dende Patrimonio -engadiu- inmediatamente publicaremos os pregos de licitación.
Villares destacou que cumprindo coa normativa, o prezo anual medio de cada local, rondará os 2000 euros, pero barallamos nese borrador de priegos unha posibilidade moi factible que “pasa por establecer bonificacións de ata o 90%; polo que os artesáns que se instalen no Conxunto Histórico terían que facer fronte a unha taxa anual duns 200 euros de media, para desenvolver a súa actividade nun destes habitáculos”.
Un importe que dende o Concello consideramos que é case simbólico tendo en conta que Sargadelos é ademais unha zona que recibe moitas visitas, non só durante a época estival, senón ao longo de todo o ano; “cremos que é unha paraxe idónea para este novo Centro de Artesanía que é un atractivo máis que vén sumarse a este enclave que aúna natureza, cultura, e unha riqueza paisaxística única en toda a contorna”.
Dende o Concello de Cervo –apuntou Villares-, pretendemos darlle a máxima difusión posible ao noso proxecto, por unha banda tendo en conta que o pregos xa teñen que ser públicos, pero por outra faremos chegar a proposta a todas as asociacións de artesáns de Galicia e persoas relacionadas coa actividade “porque entendemos que o Centro de Artesanía de Sargadelos vai ter o seu peso e proxección e estamos convencidos de que funcionará porque conflúen moitos factores: o bo facer dos artesáns, nun enclave excepcional, cuns locais perfectamente acondicionados para que poidan adaptalos á súa actividade concreta; é unha combinación ideal que contribuirá en gran medida ao desenvolvemento económico, turístico, cultural e patrimonial do Concello de Cervo”.
Villares recordou que a obra contou con orzamento de 120.000 euros, procedentes da Xunta de Galicia e do propio Concello, “destinados integramente á posta en marcha dun centro vivo que agardamos, entre todos, convertir en referente na Comarca”.

Exit mobile version