O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, desprazáronse ata a coñecida como finca das Quintas, en Cervo, onde estaba a traballar un dos equipos.
Villares apuntou que esta é unha das tarefas fundamentais que teñen encomendada os nosos operarios, sabedores da tremenda importancia de manter os montes limpos, e para ese fin destinamos ano tras ano unha cantidade importante de recursos; unha mensaxe que tamén é importante que teñan en conta o conxunto dos nosos veciños “porque está demostrado que as tarefas de mantemento son fundamentais para evitar riscos, ou polo menos paliar os seus efectos, no caso de que se produza un lume”.
O rexedor sinalou que o Concello está a traballar na liña de reforestar todos o montes municipais, e tamén en colaboración coas Comunidades de Montes do municipio, con intensidade nas dúas últimas lexislaturas de tal xeito “que son máis de 7000 as árbores frondosas produtivas que plantamos en preto de 20 hectáreas de monte municipal”.
Neste senso suliñou “que estamos a facer un traballo con previsión de futuro, que deixaremos en herdanza aos nosos fillos, co que tamén poñemos en valor o bosque autóctono galego, e que dará os seus froitos a medio prazo, tanto a nivel turístico, polo embelecemento do propio bosque, como a nivel económico-produtivo; animando pois ao nosos veciños a que revitalicen as súas fincas con estas especies que poden chegar a ser incluso un medio de vida a medio prazo”.
A edil de medio ambiente, Manuela Méndez, apuntou que nos vindeiros días está previsto que os participantes no Obradoiro de Emprego que temos no Concello de Cervo de temática forestal planten outro dos montes municipais con castiñeiros; son case 2 hectáreas, na zona do Polígono de Cuíña.