Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia agradece aos voluntarios de Protección Civil “o compromiso desinteresado e xeneroso que amosan ao formarse para traballar por e para os cidadáns”

xornadas protección civil (1)Mondoñedo, 14 de outubro de 2017 .- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, participou esta mañá na inauguración das IV Xornadas de Protección Civil da Provincia de Lugo, que se están a desenvolver durante o día de hoxe na cidade, e durante a que Candia agradeceu “o compromiso desinteresado e a xenerosidade que amosan os voluntarios deste dispositivo á hora de formarse para coidar aos demais”.
Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou o traballo e entrega de Protección Civil tanto en actividades de seguridade cidadá como no que respecta á colaboración que demostran nas iniciativas culturais e deportivas. E neste mesmo senso, gabou o labor da agrupación que de xeito “discreto, altruísta e desinteresado” colaboran co resto dos equipos e forzas de emerxencias para traballar “por e para os cidadáns”.
Estas xornadas, organizadas pola Federación Lucense de Protección Civil, en colaboración coa Xunta de Galicia e co Concello de Mondoñedo, teñen como un dos seus obxectivos principais o de formar aos voluntarios para mellorar a seguridade nun dos recursos estrela de Mondoñedo, a Cova do Rei Cintolo. Nela están a participan uns 140 voluntarios deste dispositivo.
Pola súa banda, o presidente de Protección Civil de Mondoñedo, José Otero Rejes, fixo balance da actividade levada a cabo no ámbito local e explicou que o dispositivo mindoniense participou en preto de 400 operativos e retirou máis de 380 niños da vespa velutina.

IV Xornadas de Protección Civil de Lugo
As IV Xornadas de Protección Civil de Lugo inauguráronse ás nove a cargo do presidente da Federación de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Lugo, José Franco Criado; da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia e do xefe territorial, J. Manuel Rozas Bello.

Estas xornadas desenvólvense durante todo o día ao redor dun programa, que pola mañá incluíu tres relatorios. O primeiro deles, centrado na xeografía e na historia da Cova do Rei Cintolo e moderado polo presidente da Federación, contou coa intervención do presidente da Protección Civil de Mondoñedo, José Otero Rejes, e do arqueólogo municipal, Abel Vigo. O segundo relatorio tratou sobre o protocolo de acceso e intervención de rescate no interior da cova, coa participación do presidente da Asociación de Bombeiros de Galicia, Miguel A. Pazos Veiga. O terceiro relatorio veu da man do xerente do proxecto Isocrona (aplicación móbil pioneira que localiza as vivendas onde haxa urxencias), Juan Carlos Castro.

Na clausura da xornada, ás 12:45 horas, estiveron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director xeral de Emerxencias, Luís Menor e máis o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

As prácticas que se desenvolveron pola mañá (13:15-14:15 horas), consistiron nun simulacro de rescate en altura na Catedral á cargo do Gera de Galicia (Grupo de Rescate en Altura). En concreto, realizaron un descenso en tirolina cun ferido en camilla de rescate. E tras a comida de confraternidade que se celebrou no mesón de Alberto; pola tarde está a ter lugar unha visita técnica á cova, guiada polo arqueólogo municipal, a través da que se coñecen os protocolos de visitas, o sistema de rescate e as medidas de seguridade establecidas para os visitantes autorizados polo Concello de Mondoñedo. Esta visita está reservada para dous grupos de quince voluntarios cada un, con preferencia aos voluntarios máis distantes.

Exit mobile version