Mondoñedo, 14 de outubro de 2017 .- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, participou esta mañá na inauguración das IV Xornadas de Protección Civil da Provincia de Lugo, que se están a desenvolver durante o día de hoxe na cidade, e durante a que Candia agradeceu “o compromiso desinteresado e a xenerosidade que amosan os voluntarios deste dispositivo á hora de formarse para coidar aos demais”.
Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou o traballo e entrega de Protección Civil tanto en actividades de seguridade cidadá como no que respecta á colaboración que demostran nas iniciativas culturais e deportivas. E neste mesmo senso, gabou o labor da agrupación que de xeito “discreto, altruísta e desinteresado” colaboran co resto dos equipos e forzas de emerxencias para traballar “por e para os cidadáns”.
Estas xornadas, organizadas pola Federación Lucense de Protección Civil, en colaboración coa Xunta de Galicia e co Concello de Mondoñedo, teñen como un dos seus obxectivos principais o de formar aos voluntarios para mellorar a seguridade nun dos recursos estrela de Mondoñedo, a Cova do Rei Cintolo. Nela están a participan uns 140 voluntarios deste dispositivo.
Pola súa banda, o presidente de Protección Civil de Mondoñedo, José Otero Rejes, fixo balance da actividade levada a cabo no ámbito local e explicou que o dispositivo mindoniense participou en preto de 400 operativos e retirou máis de 380 niños da vespa velutina.
IV Xornadas de Protección Civil de Lugo
As IV Xornadas de Protección Civil de Lugo inauguráronse ás nove a cargo do presidente da Federación de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Lugo, José Franco Criado; da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia e do xefe territorial, J. Manuel Rozas Bello.
Estas xornadas desenvólvense durante todo o día ao redor dun programa, que pola mañá incluíu tres relatorios. O primeiro deles, centrado na xeografía e na historia da Cova do Rei Cintolo e moderado polo presidente da Federación, contou coa intervención do presidente da Protección Civil de Mondoñedo, José Otero Rejes, e do arqueólogo municipal, Abel Vigo. O segundo relatorio tratou sobre o protocolo de acceso e intervención de rescate no interior da cova, coa participación do presidente da Asociación de Bombeiros de Galicia, Miguel A. Pazos Veiga. O terceiro relatorio veu da man do xerente do proxecto Isocrona (aplicación móbil pioneira que localiza as vivendas onde haxa urxencias), Juan Carlos Castro.
Na clausura da xornada, ás 12:45 horas, estiveron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director xeral de Emerxencias, Luís Menor e máis o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
As prácticas que se desenvolveron pola mañá (13:15-14:15 horas), consistiron nun simulacro de rescate en altura na Catedral á cargo do Gera de Galicia (Grupo de Rescate en Altura). En concreto, realizaron un descenso en tirolina cun ferido en camilla de rescate. E tras a comida de confraternidade que se celebrou no mesón de Alberto; pola tarde está a ter lugar unha visita técnica á cova, guiada polo arqueólogo municipal, a través da que se coñecen os protocolos de visitas, o sistema de rescate e as medidas de seguridade establecidas para os visitantes autorizados polo Concello de Mondoñedo. Esta visita está reservada para dous grupos de quince voluntarios cada un, con preferencia aos voluntarios máis distantes.