Lugo, 31 de outubro de 2017. O Goberno da Deputación levou ao Pleno deste martes dúas propostas, que foron aprobadas por unanimidade, para novas melloras de servizos públicos nos 67 Concellos da provincia con outros 15,6 millóns de euros. Ademais, presentou a comisión técnica que controlará o cumprimento dos pregos que rexen a concesión do servizo público do centro de recría. Esta saíu adiante co apoio dos Deputados do PSOE e BNG.
15 millóns para estradas provincias nos 67 Concellos: O Presidente, Darío Campos Conde, explicou, antes do inicio da sesión plenaria, que a boa situación económica da Deputación, pois conta con débeda cero, permite á institución acudir a unha operación de crédito. Por este motivo, no Pleno de xullo, o Grupo Provincial Socialista presentou unha emenda de substitución á totalidade a unha moción presentada polo Partido Popular, que recollía a solicitude de 15 millóns de euros. Hoxe aprobouse acudir a esta operación de crédito. O Vicepresidente e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, destacou que este fondos permitirán reforzar as melloras de vías que discorren polos 67 Concellos logo de investir no último ano en nova obra máis de 6 millóns de euros, que se engaden aos fondos que se achegaron á conservación ou á roza. Martínez avanzou que con estas novas actuacións, o Goberno da Deputación poderá acadar os 2.200 quilómetros de aglomerado en quente.
Outros 600.000 euros para máis servizos públicos en 6 Concellos: O Goberno da Deputación está a incorporar todos os remanentes de crédito que se xeran ao orzamento para reforzar ás melloras de servizos públicos nos 67 Concellos. Na sesión de hoxe, propuxo incorporar, exactamente, 588.000 euros ao actual presuposto para mellorar o campo de fútbol A Medalla, en Taboada; o Estadio Martínez Otero, en Foz; os accesos a 20 núcleos rurais de Guntín; e a rede de saneamento en 3 núcleos rurais de Mondoñedo; así como para a adquisición dun tractor que permita a limpeza de estradas municipais de Riotorto e para a organización de actividades de dinamización social e económica no Concello de Viveiro.
Centro de recría: Campos Conde informou sobre a desestimación do recurso presentado contra a concesión do servizo do centro de recría. Por este motivo, o Goberno Provincial presentou á sesión plenaria a comisión de técnica da Deputación que controlará o cumprimentos dos pregos que rexen esta concesión, que foi aprobada cos votos do PSOE e o BNG. Esta velará polo estrito cumprimento das condicións e cláusulas que interpuxo o Executivo Provincial á prestación deste servizo co obxectivo de garantir que este redunde no beneficio do sector gandeiro da provincia de Lugo. O Presidente avanzou que nos vindeiros días se asinará o contrato da concesión deste servizo nun acto público para que as cabezas de gando entren a principios do 2018.