Lugo, 24 de outubro de 2017. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes as mocións presentadas polo Goberno Provincial para reclamar ao Estado e á Xunta de Galicia cambios na política antiincendios, así como outra para instar ao Ministerio de Fomento a que execute melloras na N-VI.
A moción relativa aos lumes, saíu adiante a pesares dos votos en contra dos Deputados do Partido Popular. A través desta iniciativa, o Goberno acadou os seguintes acordos:
1.- Esixir á Xunta de Galicia e o goberno do Estado a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, de acordo co previsto na Lei 17/2015 de nove de xullo do Sistema Nacional de Protección Civil que permita adoptar medidas económicas para a recuperación das zonas afectadas polos lumes.
2.- Instar á Xunta de Galicia a que nos próximos seis meses o goberno galego aprobe todos as iniciativas lexislativas para a promoción dunha política forestal que permita a conservación protección e valoración dos montes e bosques de Galicia. Unhas propostas que deben ser elaboradas, pactadas e consensuadas cos municipios as deputacións e co asesoramento da comunidade científica.
3.- Instar a Xunta de Galicia a elaborar un protocolo xunto a concellos, deputacións e técnicos medioambientais para as actuacións ante os lumes forestais que garanta unha maior coordinación e atención temperá nos lumes.
4.- Instar o goberno de España e a Xunta de Galicia a que estableza de maneira inmediata as axudas necesarias para recuperar a riqueza forestal dos bosques e montes galegos e o patrimonio que perderon os veciños e veciñas de toda Galicia.
5.- Instar á Xunta de Galicia a que introduza no currículo educativo dos escolares galegos e galegas de todos os niveis o ensino en valores de respecto ao medio ambiente, a protección e valorización dos nosos montes e bosques.
6.- Instar a Xunta de Galicia a elaborar proxectos formativos e de concienciación de cara a contribuír que a sociedade galega poda valorar, respectar e coidar do patrimonio cultural e ambiental que supoñen os nosos bosques.
7.- Dar conta deste acordo da Corporación provincial ao Presidente do Goberno de España, ao Presidente da Xunta de Galicia, á Conselleira de Medio Ambiente, á Conselleira de Medio Rural, e a Ministra de Agricultura e Medio Ambiente
En relación á moción para mellorar a Nacional VI, que foi aprobada por unanimidade do Pleno, o Goberno da Deputación instará ao Ministerio de Fomento a que presente, no prazo de 6 meses, un plan integral de seguridade e humanización da N-VI, ao seu paso por todos os concellos da Provincia de Lugo para poder incluír as obras nos Orzamentos Xerais do Estado 2019.
A N-VI é unha estrada de comunicación fundamental na provincia de Lugo, pois comunica os Concello de Guitiriz, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei, Lugo, O Corgo, Baralla, Becerreá, As Nogais e Pedrafita, sendo empregada por centos de veciños cada día. Trátase dunha vía que, na meirande parte do seu percorrido, conta con grandes deficiencias no firme, que está moi deteriorado: fochancas, mala sinalización horizontal ou xuntas de dilatación abertas, o que diminúe considerablemente a seguridade desta vía, na que hai un grande número de accidentes.
De feito, foron xa incluso os propios concellos os que, ante a desidia do Ministerio, decidiron facer melloras na estrada co fin de ter uns mínimos de seguridade, pintando pasos de peón ou incluso rebacheando algún dos treitos.
Incumprimento dos acordos
O Ministerio de Fomento incumpre tamén os acordos acadados nos respectivos Concellos, que buscan a implicación do Goberno do Estado para mellorar esta vía de comunicación fundamental para o desenvolvemento da provincia.
Exemplo disto é o do Corgo. A raíz dos movementos feitos polos grupos da oposición e veciños, a Comisión de Seguridade Vial do Congreso dos Deputados aprobou unha proposición non de Lei do Grupo Socialista que instaba ao Goberno a mellorar o estado de firme do tramo da estrada N-VI ao seu paso por este municipio e a realizar as obras necesarias para mellorar a seguridade dos seus veciños.
Posteriormente, todos os partidos políticos da Corporación deste concello, acordaron instar ao Ministerio de Fomento a que presentara nun prazo de 6 meses un plan integral de seguridade e humanización da N-VI , para que se puidera executar cos orzamentos de 2018. No pasado mes de setembro cumpriuse o prazo para a presentación do plan integral. Non hai ningunha xestión por parte do Concello nin do Ministerio de Fomento, o que implica que non se poderá aprobar nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018, desatendendo as peticións dos Concellos, así como a de centros de veciños.