Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano considera que o tren da costa debe concerbirse coma un servizo de cercanías para que os estudantes, os traballadores e @s usuari@s do hospital poidan facer un bo uso deste transporte

311017 Foto tren Alfredo xuntanza FerrolA Mariña, 31 de outubro de 2017. O presidente da Mancomunidadede Municipios da Mariña, Alfredo Llano, participou hoxe nunha xuntanza da comisión técnica de traballo que se reuniu en Ferrol para seguir afondando no futuro do tren que une os concellos da Mariña luguesa, de Ortegal e de Ferrol. No encontro participaron tamén técnicos da Xunta e de Renfe. Llano demanda que o tren debe prestar un bo servizo para os estudantes da Mariña e para os usuarios e usuarias do Hospital da Costa, e que se conciba o seu funcionamento como un tren de cercanías. Alfredo Llano levará á Mancomunidade este asunto co obxectivo de consensuar uns horarios acordes coas necesidades desta comarca. Esa proposta será a que presente na comisión técnica de traballo que se reunirá de novo en Ferrol entre o 10 e o 15 de decembro.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña explicou que “hoxe estivemos falando dos horarios que serían mellores para a zona, e sobre todo estivemos mirando a eficacia dos mesmos. A nosa proposta conxunta é poñer uns horarios que garantan un bo servizo para os estudantes que se mobilicen pola Mariña para ir a diferentes centros formativos, polo tanto que cheguen á súa hora para entrar pola mañá. Tamén que teñan bo horario aquelas persoas que queiran ir a consultas ao hospital para que accedan a primeira hora xa. E tamén para os traballadores que van a diferentes empresas que están distribuídas na Mariña”.
Alfredo Llano considera que “se debe establecer esa mentalidade de tren de cercanías, e polo tanto valoramos a posibilidade de que exista un servizo de cercanías entre Viveiro-Ribadeo e Ribadeo-Viveiro. Ese horario temos que estudalo agora cos meus compañeiros da Mancomunidade, e entre todos facer unha proposta horaria de acordo con todos os concellos que poidan utilizar o tren. Esa proposta acordada dende a Mancomunidade cos alcaldes afectados levareina á próxima reunión desta comisión técnica de traballo que imos facer posiblemente entre o 10 e o 15 de decembro”.
Llano subliñou que “tamén eu fixen unha proposta de que queremos que exista un incremento de trens para ser empregados polos estudantes. Tamén manifestei que eses estudantes deberían ter a oportunidade de utilizar o tren para que vexan a vantaxe dese servizo público e para que se vaian concienciando de que hai que utilizalo máis a miúdo. Quedamos de mirar propostas para que os estudantes, a través dos institutos e dos colexios, poidan dispor dos trens para facer viaxes complementarios ou viaxes culturais. Na reunión da Mancomunidade imos concretar tamén aqueles concellos que queren ser visitados pola xente que ven nos trens turísticos como o Transcantábrico, que agora mesmo para en Ribadeo e en Viveiro pero non o fai no resto dos concellos, ou os trens que van visitando os faros pola costa luguesa”.
O presidente da Mancomunidade declarou que “a proposta que imos facer na Mancomunidade os concellos que así o queiran, é especificar aquilo que queremos que se vexa en cada un dos concellos. Aportaremos cada concello aquilo que se queira destacar porque sexa moi interesante turisticamente e culturalmente. Renfe quedou en enviarnos os trens que queren empregar como turísticos, e como iso queremos estendelo á Mariña os concellos dirán onde lles gustaría que parara a xente. Esa proposta vou levala á seguinte reunión no mes de decembro”.
Llano salientou que “a través dos técnicos non hai problemas, polo menos hoxe houbo atención e estivemos bastante tempo falando do tema dos horarios. Tamén falamos da seguridade das vías, do seu mantemento e das estacións, pero iso xa pertence a Adif. Trasladamos as nosas queixas e preocupacións sobre o mantemento e melloras dos apeadeiros e das estacións que hai na Mariña”.
Alfredo Llano agarda que á xuntanza de decembro acuda algún representante de Mobilidade, da Xunta, e tamén de Adif.

Exit mobile version