Site icon Crónica3.com A Mariña

A escola municipal de música e danza de Ribadeo comeza o novo curso con 360 alumn@s. Nos dous últimos anos a matrícula medrou en máis dun 10%

091017 Foto EMMeD RibadeoRibadeo, 9 de outubro de 2017. A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo (EMMeD) ven de iniciar o curso 2017/2018 con 360 alumnos e alumnas matriculados de entre 4 e 70 anos. A matrícula no centro segue medrando ano tras ano e a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo convértese deste xeito na que conta con maior número de persoas matriculadas na comarca da Mariña e do occidente asturiano. Nos dous últimos cursos o crecemento da matrícula superou as 40 persoas inscritas.
O responsable da EMMdD, Hugo García Presno, explicou que “o claustro docente estará formado por 13 profesores e profesoras, un por cada unha das disciplinas que imparte o centro, o que garante que o alumnado disporá dunha atención especializada en cada un dos instrumentos ou das materias que imparte a Escola”.
Hugo García salienta que “entre as novidades que presenta o centro neste novo curso está a consolidación das materias relacionadas coa música tradicional, incorporadas recentemente e cunha moi boa acollida por parte do alumnado. O centro comeza o curso con vontade de estar moi presente na vida comunitaria e asociativa de Ribadeo como demostra que fose o espazo escollido recentemente para a presentación do libro Elas, de Aurora Marco. Queremos levar a cabo a nosa programación de concertos tradicional como os de Santa Cecilia, Nadal, Entroido, concertos didácticos, de fin de curso, etc… Pero tamén temos intención de abrir novos espazos nos que actuar que permitan achegar o traballo feito na Escola a novos públicos, e nos que axuden a ligar a música e a danza con aspectos transversais como son a literatura, a historia, a igualdade ou a solidariedade”.
O responsable da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo amosou a súa satisfacción “porque o número de persoas matriculadas non deixa de medrar o que demostra que o traballo que facemos dende a Escola se está percibindo como positivo por parte do alumnado que repite e tamén polo conxunto da cidadanía, o que fai que novos alumnos e alumnas se animen a formar parte do centro”.
García Presno subliñou que “tanto o proxecto educativo da Escola, unha combinación de ensino teórico con moitas actividades prácticas, coma o plantel docente son as claves para entender o crecemento constante da Escola desde o mesmo momento da súa fundación da man de Hernán Naval”.
Hugo García quixo mostrar o apoio tanto do claustro da Escola como do Concello de Ribadeo, e dixo: “é clave o apoio institucional sobre todo en momentos de incertidume económica, para poder tirar adiante o proxecto do centro e a súa actividade, e tamén é moi importante contar cun corpo de profesores e profesoras que crean no proxecto e que teñan vontade de tiralo para adiante”.

Exit mobile version