Burela, 16 de outubro de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, entrevistarase este martes, salvo cambios de última hora, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. O encontro terá lugar no Parlamento de Galicia a partires das 13:00 horas. Enriba da mesa estarán asuntos como a Edar, o Consorcio da Auga, o polideportivo, a escola infantil e a iluminación do acceso ao porto. Ademais Llano tamén quere falarlle da sanidade, do transporte na comarca e da velutina.
O rexedor contou que “me puxen en contacto coa Secretaría da Presidencia esta mañá por se houbera algunha novidade, como estes días é moi urxente e preocupante o que está ocorrendo en Galicia debido aos incendios, e en principio non se anula mañá a miña entrevista co presidente. Vai ter lugar á unha do mediodía no Parlamento de Galicia”.
Alfredo Llano declarou que “vou coa toda intención de colaborar, participa e ter unha boa relación institucional co presidente, como é normal, porque aquí estamos para facer todo aquilo que sexa posible para que todo vaia moito mellor en todos os aspectos”.
O alcalde burelés anunciou que “vou levar unha serie de asuntos que me parecen moi importantes para Burela e tamén para a comarca da Mariña. Imos levar o tema da Edar, o do Consorcio da Auga para o abastecemento de Burela e Cervo, o polideportivo que queremos para Burela, a escola infantil para ver como podemos mellorar e que sexa un exemplo de atención no noso concello”.
Alfredo Llano engadiu que “imos falar tamén do acceso ao porto, porque estes días saíu que non se van poñer as luces que estaban proxectadas. Sorprende que agora digan que están na liña do que fai Fomento e vanse aplicar as mesmas directrices que teñen nas súas estradas. Paréceme que isto non é equiparable, en principio estaba contemplado no proxecto poñer as luces no acceso ao porto e é algo que é necesario, por exemplo no túnel onde non se entende que non haxa luces”.
O rexedor dixo: “non creo que sexan moi equiparable as condicións de Fomento, dado que isto é un acceso en practicamente unha rúa que está no casco urbano e polo tanto entendo que non ten moito que ver unha cousa coa outra. Ademais estaba previsto, proxectado e valorado economicamente e no seu día dixeron que as ían colocar o antes posible”.
O alcalde de Burela e tamén presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña engadiu que “tamén falaremos loxicamente do hospital, da sanidade, do transporte na comarca, das infraestruturas na comarca, e da velutina porque falei con produtores e están moi preocupados con este tema”.