Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do medio rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 11, 00 horas de hoxe

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2017.- Galicia está a sufrir nas últimas horas unha elevada actividade incendiaria, con clara intencionalidade e virulencia, de forma que se rexistraron ata 80 incendios na nosa comunidade desde o día de onte. Ademais, hai incendios en Portugal que están preto da fronteira con Galicia e que obrigan aos medios da nosa comunidade a multiplicar os seus esforzos para evitar que nos afecten. Xunto co reforzo dos traballos de extinción, estase a intensificar a vixilancia policial nos diferentes puntos, para atallar a actividade incendiaria.

Só desde as 12,00 horas deste domingo houbo un total de 25 lumes, que se suman aos 55 contabilizados onte. A Xunta e o Goberno Central están a mobilizar unha inxente cantidade de medios humanos e materiais para facerlle fronte. Así, traballan arestora na loita contra os incendios unhas 350 brigadas, 220 motobombas, 40 pas e unha vintena de medios aéreos. Ademais, nas tarefas de extinción colaboran uns 160 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), apoiados con 18 autobombas e 6 nodrizas. En camiño veñen outros 100 efectivos. Ademais, están mobilizados efectivos da Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local e Protección Civil.

Os lumes nos que se está a centrar o traballo dos medios antiincendios son os seguintes:

En Ponteareas-Padróns rexístrase un lume que empezou ás 00,26 desta madrugada e que afecta tamén os termos municipais de Redondela e Pazos de Borbén. Traballan para a súa extinción 2 técnicos, 4 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 5 pas, 1 avión e 3 helicópteros. Tamén participan efectivos da UME. Segundo estimacións provisionais, afecta arredor de 1.500 hectáreas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2, por proximidade a bens non forestais, no concello de Pazos de Borbén, lugar de Nespereira. Este lume é, arestora, o que máis preocupa aos medios de extinción.

Na provincia da Coruña outro lume afecta ao concello de Boiro, parroquia Cures, que se iniciou ás 00,45 horas e no seu control traballan 1 técnico, 7 axentes, 12 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 1 avión e 1 helicópteros. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2, como medida preventiva, pero xa foi desactivada.

En Ourense rexístrase un lume de importancia no concello de Montederramo, que afecta tamén o termo municipal de Vilar de Barrio. Empezou ás 01,01 horas desta madrugada e no seu control actúan 1 técnico, 6 axentes, 9 brigadas, 12 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero. Colaboran ademais efectivos da UME.

Na provincia de Lugo está activo un lume no concello de Cervantes, parroquia Donís. Para a súa extinción mobilizáronse 11 axentes, 36 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 15 helicópteros e 2 avións.

A Xunta quere agradecer unha vez máis o esforzo e compromiso das persoas que traballan na loita contra o lume e facer un chamamento á cidadanía para que denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento e que alerten a través do número gratuíto 085 dos incendios que localicen.

Así mesmo, facemos un chamamento á responsabilidade e prudencia da poboación, para que sigan as indicacións dos corpos e forzas de seguridade do Estado e faciliten o traballo dos medios de extinción.

Exit mobile version