A Mariña 9-10-17. Este martes 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que cumpre 25 anos e conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS).A saúde mental no lugar de traballo foi o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración, considerando que se trata dun asunto de interese para os axentes sociais, as institucións e a sociedade en xeral.
A este propósito, entre o 2 e o 18 de outubro, numerosas asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental de Galicia saímos á rúa para chamar a atención sobre esta realidade e trasladar aos poderes políticos, axentes sociais, medios de comunicación, empresas, profesionais de diversos ámbitos e á cidadanía en xeral, as reivindicacións e necesidades do colectivo.
Estamos a facelo a través da acción de sensibilización“O que teño na mente” organizada por FEAFES Galicia, que ten como obxectivo fomentar a participación da cidadanía na reflexión sobre os problemas de saúde mental e axudar a previr os riscos de ter desordes desta índole no ámbito laboral.
Para iso, as distintas asociacións saimos á rúa cun gran mural e animamos a todas as persoas que se acheguen a plasmar as súas propostas sobre como se pode fomentar a saúde mental no entorno laboral.
No caso de “A Mariña” , estas accións desenvolvéronse entre, o xoves no Centro de Saúde de Burela , o venres no Centro de Saude de Ribadeo e hoxe no Centro de Saúde de Cervo .