Site icon Crónica3.com A Mariña

Proxectos ERASMUS+ no IES Ribadeo Dionisio Gamallo. Europa como aula de aprendizaxe e intercambio

Ribadeo 7-8-17. O IES RIBADEO DIONISIO GAMALLO finalizou este mes de xullo o seu proxecto europeo Abrimos puertas a Europa: las buenas prácticas y las nuevas tecnologías como futuro de nuestra educación.
Este proxecto, da modalidade KA1 de Educación Escolar, tiña unha duración de 2 anos, e foi elixido xunto con outros 318 en toda España (12 en Galicia) para desenvolver contidos relacionados coa ensinanza-aprendizaxe. Tivo como obxectivos principais o coñecemento das últimas tecnoloxías aplicadas ao ensino, e as claves da convivencia escolar para evitar e atallar conflitos e alteracións no ámbito educativo. Tamén figuran como obxectivos a formación en contornos educativos diversos, e a interacción co profesorado europeo. Un proxecto que tiña como beneficiarios aos profesores e profesoras do centro, que se convirten tamén en colaboradores na tarefa de levar o seu aprendizaxe a aula. O resultado final foron dúas experiencias, en Reino Unido e en Italia, que podedes ler resumidas na web do centro. Esta fase de difusión e avaliación aínda se está a desenvolver dado que este proxecto finalizou o 31 de xullo.
Tamén durante este curso 2016-2017, o IES RIBADEO DIONISIO GAMALLO foi centro piloto nun programa ERASMUS+ da modalidade KA3 titulado: Assessment of Transversal Skills (Avaliación de habilidades transversais). Esta modalidade de proxectos agrupa actividades de apoio á reforma das políticas educativas e oriéntanse ao logro dos obxectivos da Estratexia Europa 2020, do Marco Estratéxico para a cooperación europea no ámbito da Educación e a Formación (ET 2020) e da Estratexia Europea para a Xuventude. Este proxecto implantouse durante un curso académico e implicou a 10 países (Bélxica, Chipre, Croacia, Estonia, Grecia, Finlandia, Irlanda, Lituania, Slovenia e España), 250 centros, 1000 profesores e 10.000 estudantes…. entre estes figuraron os alumnos e alumnas de 3º de ESO do noso Centro. Tiña como obxectivo principal proporcionar aos profesores e alumnos novos enfoques de aprendizaxe para desenvolver e avaliar habilidades transversais a través de novas metodoloxías e os novos recursos didácticos.
Como broche deste mes de xullo e como acicate para o seguinte, recibimos a noticia da selección do noso proxecto El valor de la ciudadanía: la educación como fundamento del futuro en Europa, xunto a outros 125 de toda España (8 en Galicia), que vai beneficiar ao noso alumnado e tamén ao noso alumnado alemán como socio do proxecto ata o curso 2019. Este novo proxecto ERASMUS+ pertence á modalidade KA219, intercambio entre centros escolares, e ten como obxectivo poñer en relación ao alumnado de distintos países a través dun corto período de convivencia no que comparten clases, costumes, viaxes e todos os elementos que conforman a cultura do país anfitrión. Unha experiencia que, de seguro, marcará en positivo a evolución da súa aprendizaxe e completará os recursos que os novos tempos esixen para a cidadanía.
Esa é realmente a idea que subxace en todo este traballo que forma parte dos principios educativos prioritarios do centro: formar aos cidadáns e cidadás dunha renovada sociedade. Nesa liña de futuro seguiremos traballando.

Manuel Yáñez Dablanca
Coordinador de Programas Europeos

Exit mobile version