Chega a Mondoñedo para substituír a Enrique Freire Marquina a principios do mes de febreiro de 1914. No verán deste ano xa veranea en Benquerencia e en outono é enviado como xuíz especial a Viveiro para atender delitos electorais derivados das eleccións de xullo a deputado en Cortes polos que chega a procesar a unhas cen persoas, entre elas José Santiago Seijo, director do xornal El Vivariense. En decembro reincorpórase ao seu posto en Mondoñedo onde na primavera do ano seguinte nace un dos seus fillos.
Como xuíz tivo contratempos. En xullo de 1916 procesa a César G. Seco Romero, deputado provincial e director do xornal Mondoñedo; o motivo, uns artigos presuntamente inxuriosos. No outono deste mesmo ano comeza a publicar unha serie de artigos en El Foro Español desde os que se suma ás reivindicacións pola reforma da Xustiza esixindo, entre outros, o entón prohibido dereito dos xuíces a colexiarse. Nunha carta dirixida ao Ministro de Gracia y Justica escribe: “Una terrible crisis de trabajo, de esas tan frecuentes en los Juzgados y que, desde hace muchos días, me tiene encima de los papeles, desde las siete de cada mañana hasta las once de cada noche, sin más tregua que unos escasos minutos para comer, sin paladear, cerca de las tres de cada tarde, es decir, cerca de la hora en que la mayoría de las gentes tiene casi acabada la digestión de sus ingestiones, me ha obligado a permanecer alejado de las columnas de esta Revista desde hace una enormidad de tiempo.”
Os días 22 e 23 de outubro de 1917 participa na homenaxe que o coro Cántigas da Terra rende a Pascual Veiga en Mondoñedo. Na mañá do 23 no acto celebrado no Cemiterio Municipal toma a palabra “a petición del público” e pronuncia “un sencillo pero hermoso discurso, mereciendo muchos aplausos”. O xornal Mondoñedo, que seguía baixo a dirección de César G. Seco Romero, recoñécelle o mérito de ser “principal organizador de todos estos actos”, e o coro “Cántigas da Terra” envíalle desde A Coruña un afectuoso telegrama de agradecemento.
En xullo de 1918 cesa como xuíz de Mondoñedo para incorporarse en agosto ao cargo de xuíz de primeira instancia e instrución en Burgos. Apenas exerce. El morre o 14 de outubro e a súa muller o 17, vítimas ambos da terrible gripe chamada “española” que causou en todo o mundo máis de 50 millóns de cadáveres.
En Mondoñedo, onde foi moi sentida a súa desaparición, tamén morría xente pola mesma causa. Prohibiuse a feira das San Lucas e Lence, o cronista, o 7 de outubro solicitou do concello pórlle luz á imaxe de San Roque do Consistorio Vello. Ao xuíz Pérez Fontán o requirimento á divindade non lle chegou a tempo!
©Antonio Reigosa- cronista oficial de Mondoñedo