Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz traslada o mercado semanal do vindeiro martes á zona de Malates pola celebración das festas de San Lourenzo no porto

Foz, 4 de agosto de 2017. O Concello de Foz anuncia que o mercado semanal do vindeiro martes, día 8, trasladarase á zona de Malates con motivo da celebración das festas de San Lourenzo na zona portuaria. Este cambio xa se fixo o ano pasado polo mesmo motivo.
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe que “o próximo martes, día 8, día de mercado en Foz, con motivo do comezo das festas do San Lourenzo decidiuse, como o ano pasado, trasladar o mercado semanal para a rúa de Malates, dende o campo de fútbol ata a súa intersección co viario Concello de Barreiros”.
Javier Castiñeira lembra que “como o ano pasado, todo o mundo terá alí a súa ubicación: todos os ambulantes e comerciantes que teñen praza no mercado semanal, que o tiñan na zona portuaria, pero que coincide coa zona de atraccións e da festa do San Lourenzo. É en aras de mellorar a circulación e a comodidade da xente trasládase como o ano pasado o mercado a esta zona”.
O rexedor municipal engadiu: “queremos informar a todas aquelas persoas que acceden a Foz por esa zona que vai estar aí o mercado e que deben seguir avanzando cara á rúa Valle Inclán posto que non van poder acceder ao porto pola zona de Malates”.
O alcalde quere “pedir desculpas anticipadas por se causa algunha molestia máis, pero faise en aras de mellorar e compatibilizar todo: as festas, o mercado semanal e toda a actividade que ten o concello nun momento moi importante do verán. O ano pasado resultou bastante positivo. É verdade que houbo un momento dado que puido ocasionar algunha retención á entrada e avisamos a todos aqueles usuarios do mercado que pode haber esas complicacións e que usen outras alternativas de entrada”.
Castiñeira dá “as grazas, por suposto, á Policía Local polo esforzo que fai en aras da mellor mobilidade no concello de Foz nun momento tan complexo como é o verán”.

Exit mobile version