Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde burelés critica a modificación da lei de saúde e defende un área sanitaria propia para A Mariña. O Concello estuda a presentación de alegacións

Burela, 4 de agosto de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, critica a modificación da lei de saúde que está a levar adiante a Xunta. Llano asegura que se fai ás agochadas e agarda que non supoña unha merma nos servizos que presta o Hospital da Costa. O rexedor incide ademais na necesidade de que A Mariña sexa un área sanitaria propia, sen depender de Lugo como ocorre na actualidade.
O rexedor burelés manifestou que “o que non queremos é que se mermen para nada os servizos. Este Hospital da Costa sempre o defenderei ten que estar contemplado nunha área sanitaria propia da Mariña”.
Alfredo Llano subliñou que “hai que ter en conta que segundo hai outras zonas como pode ser Ferrol, a área sanitaria da Mariña abarca moito espazo. Somos 16 concellos con 85.000 habitantes, e dadas as características da poboación, do mundo laboral, da industria, do mar, do tráfico, etc…, hai que pensar que isto tiña que ser máis un hospital xeral que un hospital comarcal”.
O alcalde declarou que “imos defender que non se modifique para nada nin se mermen os servizos sanitarios na nosa comarca. Isto é un anteproxecto ao que nosoutros imos presentar algunha alegación. É un asunto que me preocupa como alcalde de Burela, pero tamén como presidente da Mancomunidade porque nos vai afectar posiblemente de forma negativa, tal e como está redactado o anteproxecto”.
Llano dixo que “imos estar atentos, pero dicir que por un lado fallaron as formas e tamén é moi sospeitoso cómo están establecendo o fondo. Tanto no ámbito da participación, que practicamente queren anulala e na división das áreas sanitarias que hai establecidas agora mesmo en Galicia”.

Exit mobile version