Lourenzá, 7 de agosto de 2017. Lourenzá acollerá unha campaña de doazón de sangue mañá, martes, día 8. A alcaldesa, Rocío López García, e a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Dengra Sixto, animan aos veciños do municipio a achegarse á unidade móbil que estará na Praza do Conde Santo, fronte á Casa do Concello, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas.
Dende o Concello de Lourenzá foi enviada unha carta a todos os domicilios pedindo a colaboración e sensibilización da cidadanía con esta campaña e recordando que “Lourenzá acadou en 2016 unha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes, o que o converte no concello de maior participación da provincia de Lugo e o obxectivo é manter as cifras dentro do que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes)”.
Lourenzá foi premiado por ser o concello con maior taxa de doazóns de sangue na provincia de Lugo no pasado ano e o goberno local fai un chamamento aos veciños “para incrementar esas cifras neste ano 2017 e seguir sendo o número un na provincia de Lugo e entre os primeiros de Galicia”.