Alfoz 4-8-17. Este xoves día 3 de agosto, no adro de San Pedro, en Alfoz, celebrouse a segunda edición do Festival Músico Vocal “Arcadio Mon”, organizado polo Seminario de Estudos do Valadouro e co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Alfoz. Contou, como é habitual, dunha primeira parte destinada a concurso, no que participaron sete rapaces, sete novos talentos musicais da comarca. O gañador foi Alberto Níñez, de Moucide (Valadouro), que interpretou ó piano o Nocturno Nº 16 de Chopin; en segundo lugar quedou Alejandro Cao, de San Acisclo (Foz), que tocou coa gaita galega o tema “Anduriña mariñeira”; en terceiro lugar clasificouse Bruno Rodríguez Docobo, de Foz, que, valéndose do Saxofón Alto, interpretou o tema “A muiñeira do Xesús”, composta polo homenaxiado Arcadio Mon.
A continuación comezou a segunda parte: o recital de músicos consagrados, no que contamos cos grupos Sons de Celeiro, Mar Aberto (de Foz) e Sons Varadero, tamén de Foz, e cos solistas Miro Casabella, Toni Cazás, Sito Sedes, Enzo Fernando e Marga Gutiérrez. Finalizamos cantando o tema “Hallelujah”, de Leonard Cohen todos xuntos e cunha cea de despedida no Hotel Vila do Val de Ferreira.
Para o ano que vén o Festival terá lugar no concello do Valadouro, en base a un acordo entre os dous concellos para alternar nun e noutro a celebración do Festival.