Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo enmarca a mellora dos servizos do camiño primitivo dentro da aposta por diversificar as rutas xacobeas e converter Galicia nun destino tranquilo e acolledor

A Fonsagrada (Lugo), 7 de agosto de 2017.- O presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á aposta pola mellora dos servizos do Camiño Primitivo como un exemplo do compromiso por diversificar os Camiños de Santiago e converter Galicia nun destino tranquilo, acolledor e aberto ao mundo. “Queremos que veñan turistas e que nos visiten, porque somos un pobo acolledor”, aseverou, recordando que se o pasado ano foi “o mellor ano histórico dos Camiños”, nos meses que van desde 2017, Galicia xa acolleu un 9% máis de peregrinos que en 2016. “Isto supón unha media de 1000 peregrinos ao día e significa, tamén, que este ano podemos volver a concretar un novo récord histórico de peregrinos”, engadiu.

Así mesmo, precisou que, en termos xerais, o primeiro semestre deste ano foi o mellor da historia para o turismo galego, con preto de 1,8 millóns de viaxeiros aloxados nos hoteis da comunidade. Un mérito, afirmou que non só lle corresponde a Santiago ou á costa, senón tamén a Galicia interior e de montaña.

Nesta liña, incidiu en que lugares como A Fonsagrada poden atraer un viaxeiro con interese polo patrimonio natural e histórico, e contribuír a consolidar Galicia como un destino turístico tranquilo.

No tocante ao novo albergue, Feijóo subliñou que esta infraestrutura, que nace para impulsar o Camiño Primitivo, suporá un importante impulso para a localidade xa que recupera para a veciñanza a Casa Pasarín, un dos edificios máis emblemáticos desta vila; e porque estas novas instalacións permitirán aumentar a capacidade de acollida de peregrinos e, polo tanto, o seu atractivo turístico.

Así, entre as reformas levadas a cabo, uniformáronse os niveis das plantas baixa e primeira e substituíuse parte da fachada oeste; reemprazouse unha parte da fachada sur por unha galería; melloráronse as condicións de iluminación e ventilación dos patios interiores; incorporáronse melloras de accesibilidade; restauráronse os elementos arquitectónicos e as pinturas murais do edificio; e dispuxéronse tres dormitorios, nos que poderán descansar ata 42 peregrinos.

Un equipamento no que en total a Xunta investiu máis de 600.000 euros para mellorar os servizos do Camiño Primitivo, cun albergue bautizado co nome de Ramón Rodríguez, un sacerdote da Fonsagrada que dedicou gran parte da súa vida a dar a coñecer esta ruta e esta vila.

Feijóo salientou que a declaración dos Camiños do Norte e o Primitivo como Patrimonio da Humanidade veu acompañado por un aumento do interese por percorrelo. Non en van, só nos últimos dez anos o número de peregrinos do Camiño Primitivo multiplicouse por catro, ata acadar os 12.100 o ano pasado.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que o Goberno galego está plenamente comprometido co desenvolvemento desta ruta, “e por iso a Rede Pública de Albergues de Peregrinos en Galicia suma xa máis de 10 establecementos ao longo dela”, precisou.

Exit mobile version