Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia convida ás peñas e asociados do F. C. Barcelona a Mondoñedo por ser unha cidade ligada historicamente a este equipo de fútbol

05082017actobarcelona (2)Mondoñedo, 05 de agosto de 2017 .- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, convida ás peñas e asociados do F.C. Barcelona a visitar a localidade por ser unha cidade ligada historicamente a un dos principais equipos de fútbol españois, xa que o autor do primeiro himno (1910) deste club deportivo foi o mindoniense, José Lodeiro Piñeiroa.

A alcaldesa recibiu esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello aos representantes e peñistas do F.C. Barcelona, que ao longo da xornada de hoxe están a celebrar unha serie de actos con motivo da inauguración oficial da peña barcelonista mindoniense e en homenaxe a Lodeiro Piñeiroa.

Así, a alcaldesa pediulle permiso aos representantes do club catalán para trasladar esta invitación xa que a historia de Mondoñedo e a do F.C. Barcelona “teñen puntos de unión”, asegurou a rexedora. “Como cidade milenaria temos un capítulo reservado na historia do F.C. Barcelona”, o que Candia considera tanto “un orgullo coma un privilexio, que temos a obriga de aproveitar. As administracións locais deben dar a coñecer, coidar e promocionar o seu patrimonio inmaterial e o legado de Lodeiro Piñeiroa, gran músico con innumerables partituras, é, sen dúbida, un claro exemplo”, afirmou.

Agradecementos
Durante a súa intervención, a alcaldesa tivo palabras de agradecemento para os profesionais que impulsaron o labor de investigación que fixo posible localizar a obra do mindoniense Lodeiro Piñeiroa. Candia non se esqueceu do estudoso de Mondoñedo, Andrés García Doural, que co seu traballo investigador puxo en valor a obra deste ilustre mindoniense, así como da directiva da peña mindoniense.

Esta investigación tamén foi promovida dende o propio club, polo que a rexedora quixo trasladar a Manuel Tomás, que participa nos actos mindonienses, as gracias dende o Concello polo seu traballo a prol do descubrimento do feito de que fora Lodeiro Piñeiro o autor da música do primeiro himno do F. C. Barcelona.

Entre os asistentes, a alcaldesa tamén deu a benvida a Salvador Cerviño, presidente da Federación de Peñas Galegas e a Manel Tomé, antigo xogador do F.C. Barcelona; ao igual que resaltou o compromiso dos socios da peña mindoniense que “con actos coma o do hoxe e co seu traballo e entrega tamén dan a coñecer Mondoñedo ao longo de España, neste caso coa posta en valor da obra dun dos nosos mindonienses ilustres, que uniu a nosa historia de Mondoñedo á do F.C. Barcelona”

Durante o acto de recepción, a rexedora fíxolle entrega á delegación dunha figura da Catedral de Mondoñedo, declarada Patrimonio da Humanidade, como dunha serie de entradas para a visita á Cova do Rei Cintolo. “Onte mesmo escoitaba como soaba unha das súas obras interpretada pola Banda Sinfónica Xuvenil na Catedral e hoxe vexo coma os directivos dun dos clubes máis importantes do noso país visitan a nosa humilde cidade”.

Exit mobile version