Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle desde este venres Produart e a 33 Feira do bonito. Ademais no porto ten lugar o certame internacional de pintura Amarte

Programa Bonito 2Burela, 4 de agosto de 2017. Dende hoxe e ata o domingo celébranse en Burela a décimo sexta edición de Produart e a 33 Feira do Bonito. Durante mañá, sábado, e o domingo serviranse 5.000 racións de bonito preparado en empanada, á grella, cocido e este ano como novidade poderá saborearse en marmitako. Paralelamente haberá actuacións musicais e o I Certame Internacional de Pintura Mural Amarte.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, dixo que “este fin de semana en Burela vai ser un punto de luz que vai abarcar todo o espazo que se queira porque temos tres acontecementos espectaculares, moi atractivos e desde logo que van calar na xente que nos veña visitar”.
O rexedor relatou que “é a 33 edición da Feira do Bonito, que este ano abarcamos desde hoxe ata o domingo. Hoxe temos actuacións musicais e paralelamente van estar no Certame de Pintura facendo os murais dentro do proxecto que se denomina Amarte, que xa está dando un colorido á zona do porto moi atractivo. Temos tamén Produart, que é unha feira que representa a mellor forma de cultivar os produtos a través de métodos ecolóxicos e de facer artesanía con materiais que sexan sostibles e respectuosos sempre co medio ambiente. É un escaparate moi bo e xa na Mariña empeza haber hoxe moita abundancia de produtos ecolóxicos”. A entrada a Produart é gratuíta.
O rexedor burelés engadiu: “na Feira do Bonito mañá é o día importante, xa se poden vir recoller as bandexas a partir do mediodía para que calquera persoa que se achegue a Burela e queira probar o noso bonito en empanada, á grella ou cocido pode recollelas en calquera momento. Ademais o domingo convidamos pola mañá a probar o bonito en marmitako, que é a parte novidosa para este ano”. O pregoeiro desta edición da Feira do Bonito é o actor Sergio Pazo.
Alfredo Llano salientou que “todo isto estará ben acompañado con actividades musicais e culturais. Non se vai aburrir ninguén ao mesmo tempo que vai probar un produto extraordinario. Celebro moito poder acoller a todo o mundo que queira achegarse a Burela, agardo que estea moi a gusto e lle queden moitas ganas de volver outro ano”.

Exit mobile version