O edil de Cultura, Farruco Graña, dixo que “desde o Concello de Ribadeo queremos destacar o grande éxito que está tendo a exposición de Ruth Matilda Anderson adicada ás paisaxes galegas dos anos 20, en concreto son fotografías de 1924 e 1926”.
O concelleiro ribadense subliñou que “é de todos ben sabido que o Forte de San Damián acolle durante todos os veráns exposicións de todo tipo. Nesta ocasión tocounos unha ben singular na que ademais algúns de nós poderíamos ver antepasados nosos, das rúas de Ribadeo ou das parroquias que o rodean”.
Farruco Graña salienta que “a exposición está sendo un éxito. Xa van unhas 1.600 persoas que visitaron a exposición e ademais podemos escoitar comentarios pola rúa destacando a singularidade, a forza e o impacto tanto emotivo como artístico desas fotografías”.
O concelleiro de Cultura sinalou que “esta exposición se pode visitar de martes a domingo no Forte de San Damián de once e media a unha e media pola mañá, e de seis e media a oito e media pola tarde. É un paseo tranquilo e un momento de relax contemplando fotografías de Ruth Matilda Anderson no Forte de San Damián”.