Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano cualifica de éxito a celebración da feira do bonito, Produart e o concurso de pintura Amarte celebrados a pasada fin de semana. O rexedor subliña que Burela converteuse nun referente na comarca da Mariña

Burela, 7 de agosto de 2017. O Concello fai unha valoración moi positiva da Feira do Bonito, Produart e o Certame Internacional de Pintura Mural Amarte celebrados esta pasada fin de semana. O alcalde, Alfredo Llano, salientou que se cociñaron 3.000 quilos de bonito e se serviron máis de 5.000 racións, que houbo grandes colas para asistir á degustación do príncipe azul e tamén para visitar Produart, a feira de produtos ecolóxicos e artesanais. Llano dixo que Burela foi un referente claro en toda a comarca e cualificou de éxito absoluto a fin de semana.
O rexedor burelés dixo que “como alcalde de Burela estou tremendamente orgulloso de tal e como saíron os acontecemento esta fin de semana. Había unha concentración de tres eventos, creo que moi importantes e que se complementaron perfectamente. Por un lado a edición número 33 de Feira do Bonito. Levábamos moitos anos sen ver tanta xente cooperando e traballando para que isto fose unha realidade. Hai que dicir que os voluntarios que traballaron a través de Ledicia no que fixo falta para ter a punto no seu momento, é algo do que hai que presumir e darlles os parabéns a toda esa xente que colaborou dunha forma voluntaria durante todo este tempo, tanto o sábado como o venres e o xoves incluso, que xa estiveron traballando moi duro. Aí está á vista todo o que se fixo, tres mil quilos de bonito que se esgotaron totalmente, xa o sábado practicamente pola mañá vendéronse case a metade das cinco mil racións, e a tarde acabouse todo”. Alfredo Llano seguiu a relatar: “a novidade que era este ano o domingo, o bonito en marmitako, fun testemuña de cómo había varias colas e moita xente quedou sen poder probalo porque se consumiu moi rápido. Así que a Feira do Bonito foi un éxito total para a xente que traballou, para a venta e promoción do produto, e para a promoción de Burela”.
O alcalde engadiu que “conxuntamente estaba Produart e foi impresionante a cantidade de xente que pasou por esta feira. A xente que tivo os stands está contentísima porque non contaba con tal cantidade de xente a todas as horas”.
Alfredo Llano manifestou que “outro acontecemento importantísimo para min e que vai dar lugar a ser un atractivo singular turístico e cultural no noso porto, foron as pinturas murais que se fixeron alí estes tres días e que remataron moi ben e cun resultado de moito nivel. Entre os tres eventos, a Feira do Bonito, Produart e o Certame de Pintura Amarte, deron lugar a que se complementaran perfectamente e que Burela fora un referente clarísimo da Mariña e de toda a provincia que veu ata aquí. Polo tanto dos acontecemento máis importantes do verán foron este fin de semana”.
O rexedor burelés pensa que “van moi ben encamiñados para acadar que a Feira do Bonito sexa un atractivo non soamente galego, senón tamén un referente nacional. Creo que pouco nos falta xa para que iso sexa unha realidade o antes posible. Agora imos complementar a Feira do Bonito con Produart, pinturas murais e outros acontecementos musicais e culturais para que a xente que veña a Burela poida disfrutar de diversas actividades. No Barco Museo no peirao había colas constantemente para visitalo. Hai que ter en conta que é unha das mellores fórmulas para explicar cómo se pescaba o bonito de maneira artesanal e tradicional, e cómo puido evolucionar Burela grazas ás diferentes costeiras do bonito”.
Alfredo Llano quixo “dar as grazas a todos, aos voluntarios, a Ledicia, á Consellería de Cultura, a Fanto Fantini, e a todos os que estiveron aí para que isto fose un éxito absoluto. Ademais se nota que a xente marchou contenta e que por esa razón vai volver”.

Exit mobile version