Lugo, 4 de agosto de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 483.300 euros a catro concellos da Mariña para o desenvolvemento de 14 cursos de formación dirixidos prioritariamente a traballadores desempregados.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou que poderán participar nestas actividades máis de 200 persoas sen emprego, “que recibirán unha formación axeitada aos requirimentos do mercado de traballo local”.
Os cursos forman parte da programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas (AFD) que ven de aprobar a consellería e suma iniciativas promovidas por concellos, empresas e entidades sen ánimo de lucro.
O delegado lembrou que a Xunta inviste en total á provincia preto de 11 millóns de euros na formación para o emprego, entre a programación AFD e os cursos de xestión propia.
Os concellos que impartirán actividades AFD na comarca son os de Burela, Cervo, Xove e O Vicedo. Representan a metade dos concellos que presentaron solicitude na provincia; os outros beneficiarios son os de Palas de Rei, Lugo, Outeiro de Rei e O Páramo. Balseiro lembrou que “a Xunta subvencionou a todos os concellos que o solicitaron e para todos os cursos que pediron”.
Así, o concello de Burela recibirá 242.000 euros para a organización de seis cursos; o de Cervo disporá de 116.400 euros para catro cursos; o de Xove 91.400 euros para tres cursos; e O Vicedo organiza un curso por importe de 33.400 euros.
En canto ao contido dos cursos, destacan os orientados á atención sociosanitaria a persoas dependentes. Tamén haberá formación en socorrismo, promoción turística, tratamento de datos e documentos ou xardinaría, entre outras materias.
Cabe lembrar que no conxunto da Mariña están previstas en total 24 accións formativas, pois ás organizadas polos concellos hai que sumar as que impulsan empresas ou entidades sen ánimo de lucro.
Os cursos comezarán a impartirse no mes de setembro, e deberán estar rematados en xuño do 2018. Como principais novidades, a presente convocatoria de cursos AFD terá carácter plurianual (2017-2018), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa.
Os alumnos e alumnas son seleccionados a través das oficinas de emprego e poderán acceder ás bolsas de axuda para gastos de transporte, manutención e conciliación, ás que a consellería destina 9 millóns de euros no conxunto de Galicia.