Santiago, 6 de agosto de 2017.- A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, investiu 41.300 euros na mellora do peirao comercial de Mirasol, no porto lucense de Ribadeo. O organismo portuario vén de acometer nesta zona de actividade de carga e descarga de buques comerciais a reposición do firme deteriorado, especialmente na zona de acceso ao peirao.
Deste xeito, mellórase a seguridade viaria para o tránsito rodado así como as condicións de traballo dos profesionais que operan neste porto. En concreto, os traballos consistiron na reposición de aproximadamente 1.000 metros cadrados de pavimento de formigón deteriorado.
Para iso procedeuse á demolición do existente e ao posterior vertido de máis de 250 metros cúbicos de formigón de espesor de 20 centímetros. Finalmente, efectuouse a reposición dos rexistros de abastecemento por outros novos de chapa reforzada con contadores e tomas.
Esta actuación deu resposta á petición das empresas que operan no porto de Mirasol, que solicitaran a revisión e reposición do anterior pavimento dada a intensidade de tráfico rodado que diariamente se rexistra nesta zona.