Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares traslada a o compromiso asumido pola FEGAMP para traballar no cumprimento da lei de incendios que implica a administracións e propietarios

220617 Fegamp Lei de incendios22 de xuño de 2017.- A Fegamp celebrou en Santiago de Compostela a Comisión Executiva e o Consello Federal, reunións nas que se trataron destacados asuntos no ámbito do municipalismo.

Entre eles, o Vicepresidente Primeiro da Fegamp e Alcalde de Cervo, Alfonso Villares quixo destacar un: a xestión da biomasa en terreos de competencia municipal.

Neste senso, Villares suliñou que a lei de incendios determina a obrigatoriedade de manter limpas e acondicionadas todos os anos, antes do 30 de xuño, as fincas das zonas urbanas, dos núcleos rurais, os terreos urbanizables delimitados, así como as redes secundarias de faixas de xestión, que son aquelas que están 50 metros ao redor destes ámbitos; uns traballos que deben ser acometidos por parte dos propietarios das mesmas.

Segundo se tratou na reunión da Fegamp “resulta imposible dar cumprimento a esta norma porque os Concellos non contamos nin cos medios nin co persoal suficiente para comunicar aos propietarios a obrigatoriedade de acometer a xestión da biomasa; e tamén nos atopamos en moitas ocasións con problemas para identificar as parcelas que non están debidamente actualizadas; e como resultado final, en moitas casos, estes traballos non se fan; co correspondente risco de incendio que isto conleva; tendo en conta, ademais, o tempo tan caloroso e a sequía tan pronunciada que estamos a padecer; e sabedores dos desgrazados acontecementos do país veciño”.

Nesta liña, dende a Fegamp valorouse a necesidade de tomar medidas neste ámbito e acordouse traballar e facer o posible, abrindo vías de comunicación con todas as administracións, para buscar a fórmula para axilizar o cumprimento da lei de incendios e que na vindeira tempada o problema poida estar solucionado “sendo como é unha responsabilidade de todos, das Administracións e dos propietarios”.

Exit mobile version