Site icon Crónica3.com A Mariña

Turismo de Galicia financia con 15.000 euros melloras no aparcamento e acceso á praia da Marosa, en Burela

Burela (Lugo), 29 de xuño de 2017.- Turismo de Galicia financia con máis de 15.200 euros obras de mellora no aparcamento e vial de acceso á praia da Marosa, en Burela. Mediante esta achega, o concello actuará sobre unha área de máis de 2.000 metros cadrados, asfaltando e pintando o chan e reservando dúas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, afirmou que “esta intervención mellorará notablemente o aspecto do entorno da praia, unha das máis frecuentadas por veciños e visitantes, especialmente durante o verán”.

Balseiro subliñou que esta actuación enmárcase dentro da orde de subvencións de Turismo de Galicia a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), en liña co Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Segundo explicou o delegado, as axudas teñen por obxecto “consolidar a oferta turística nos municipios rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”.

Deste xeito, engadiu, “aproveitamos outro mecanismo de reequilibrio territorial, e ao mesmo tempo, incidimos no tipo de turismo que queremos desenvolver na provincia: accesible, sustentable e de calidade”.

As subvencións de Turismo de Galicia están orientadas a mellorar a accesibilidade e a sinalización de recursos como miradoiros e espazos de interese paisaxístico, praias, encoros, fervenzas, bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, sendeiros e rutas e outras infraestruturas de interese turístico.

Exit mobile version